A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA) organiza este xoves 23 de maio, de 16:30 a 18:30 horas, no espazo Multiusos Ángel Bedriñana (Carabela A Pinta, 13) de Baiona, unha xornada gratuíta para a formación e sensibilización sobre Alzheimer e outras demencias.
A charla, gratuíta ata completar aforo, será impartida pola psicóloga sanitaria de AFAGA, Beatriz Rodríguez, e está dirixida a toda a poboación interesada, pero especialmente a familiares e persoas coidadoras de pacientes con Alzheimer e outras demencias. Entre outros temas, abordaranse os síntomas e etapas da enfermidade, tratamentos dispoñibles e o coidado da persoa con Alzheimer, ademais de resolver aquelas dúbidas que poidan xurdir entre os asistentes.
Proxecto nacional para a formación de Alzheimer no ámbito rural
A xornada de Baiona enmárcase na segunda fase do proxecto “Formación sobre a enfermidade de Alzheimer en zonas rurais”, que impulsan a Confederación Española de Alzheimer (CEAFA), da que AFAGA forma parte, e Laboratorios Cinfa. O proxecto, do que xa se beneficiaron unhas 2.000 persoas en toda España, ten como obxectivo mellorar a formación da sociedade sobre a enfermidade, así como facilitar información á persoa coidadora sobre os recursos e servizos dispoñibles en cada provincia.
Durante os meses de marzo e xuño de 2024, o proxecto estará activo en 12 comunidades autónomas e implicará a 42 profesionais da rede asociativa de CEAFA, principalmente psicólogos e traballadores sociais, quen impartirá ata 200 formacións, que se suman ás case 200 xa realizadas en 2023. O proxecto conta coa colaboración de concellos e farmacias locais, que axudan á difusión da iniciativa.
CEAFA é unha ONG de ámbito nacional, composta por unha Confederación Autonómica, 12 Federacións Autonómicas e 6 asociacións uniprovinciais que aglutinan a máis de 300 asociacións, repartidas por todo o territorio nacional.
Sobre AFAGA
A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA), fundada en Vigo hai 30 anos, é unha entidade sen ánimo de lucro que realiza diferentes actividades para mellorar a calidade de vida dos enfermos de Alzheimer e outras demencias e a dos seus familiares. Ofrece información, asesoramento e orientación e busca achegar a realidade destas doenzas a entidades públicas e privadas, para dar resposta ás demandas do colectivo que representa, ademais de colaborar nas investigacións que se realizan sobre as demencias neurodexenerativas. En 2023, atendeu a 3.263 persoas, das que 451 eran persoas usuarias con demencia e 776 participantes en programas de prevención á deterioración, en 30 localizacións de 14 concellos da provincia de Pontevedra.

