O hospital Ribera Povisa deu a benvida aos 18 Médicos Internos Residentes que elixiron o centro vigués para completar a súa formación especializada nos próximos anos. Neste acto oficial tamén se despediu aos 13 MIR que concluíron a súa etapa formativa en Vigo.
Os novos MIR incorpóranse ás especialidades de Anestesioloxía e Reanimación (1), Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo (1), Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía (2), Medicina Interna (2), Radiodiagnóstico (2) e Medicina Familiar e Comunitaria (10).
O acto, presidido pola directora xerente do hospital Ribera Povisa, a doutora Ángela Guerra, contou coa presenza da directora asistencial do centro, a doutora Sonsoles Leal, o presidente da Comisión de Docencia, o doutor Javier de la Fuente, así como os xefes de servizo do hospital.
Os titores que se farán cargo da formación dos novos MIR durante os próximos anos participaron tamén no encontro que contou cun relatorio do especialista do servizo de Uroloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro, o doutor Fernando Domínguez, membro correspondente da Real Academia Galega de Medicina, sobre a evolución da atención médica en Vigo ao longo da historia.
As novas incorporacións recibiron documentación sobre a organización do hospital, a estrutura do servizo no que van traballar, así como un programa detallado desta nova etapa da súa formación.
Os trece médicos que completaron a súa residencia formáronse nas especialidades de Anestesioloxía e Reanimación (1), Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo (1), Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía (2), Medicina Interna (2), Radiodiagnóstico (1) e Medicina Familiar e Comunitaria (6). Recibiron unha placa conmemorativa do seu paso polo centro sanitario e unha orla de recordo.
O grupo sanitario Ribera mantén a súa decidida aposta pola formación como unha das súas liñas estratéxicas a nivel global. O hospital Ribera Povisa é na actualidade o único hospital privado de Galicia, e dos poucos de España, que conta con formación MIR, á que se suma a formación no grao de Enfermería, formación EIR e titulacións de FP medio e superior.

