A voceira municipal do PP de Nigrán, María José Pino, vén de criticar que o goberno local de Juan González perda novamente a oportunidade de promoción do Concello ao renunciar a concorrer ás Bandeiras Azuis nas praias tal e como fixeron outros 12 municipios da provincia.
Para a concelleira popular, esta situación débese exclusivamente “á vagancia do executivo socialista para non afrontar o correspondente expediente de solicitude e tamén por tratar de aforrar unha cantidade pequena de diñeiro para non asumir os compromisos, servizos e investimentos que conlevan estes distintivos, malia que iso empeora os nosos areais, algo que tamén sofren os veciños de Nigrán e, por suposto, os negocios, comercios e locais de hostalería”.
María José Pino lamentou deste xeito que se renuncie “a unha das mellores accións de promoción turística, xa que hai que lembrar que os doce concellos da provincia que teñen Bandeiras Azuis para este verán 2024 están en boca de todos, saen en todos os medios e a súa zona chega a toda España e, mentres, Nigrán segue agochado simplemente porque o Concello non quere traballar”.
A voceira popular lembrou que, ademais, as Bandeiras Azuis non son unha cuestión política, xa que os doce municipios da provincia que volveron a conseguir estas enseñas están gobernados por todas as forzas políticas, “pero aí si que hai interese, si que se fai ese traballo e si que se aproveita esta gran oportunidade”. Neste senso, Pino puxo como exemplo a Sanxenxo, “que é líder e referencia en Galicia con 17 distintivos e por elo, entre outras cuestións, é o que recibe un maior retorno socioeconómico do sector turístico” e tamén destacou que outros termos veciños, como Vigo (12 bandeiras), Baiona (6) ou A Guarda (2), “vaian por diante de nós neste traballo e empuxen nesta materia para colaborar con aloxamentos, restaurantes, cafeterías, bares, comercios e outros negocios”.

