Aprobado o proxecto de humanización do cruce entre as rúas Emigrante e San Bieito en Gondomar

Gondomar verá renovada a imaxe da interconexión das rúas San Bieito e Emigrante coas estradas de Peitieiros e Chaín-Morgadáns a través dun proxecto aprobado pola Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra. Estas melloras contan cun orzamento de case 271.800 euros e levaranse a cabo grazas a un convenio de colaboración entre o ente provincial e o concello de Gondomar. A través deste acordo a Deputación de Pontevedra aportará o 70% do orzamento, máis de 190.000 euros, e o concello de Gondomar fará o propio co 30% restante, máis de 81.500 euros.

As actuacións levaranse a cabo para darlle prioridade e unha maior seguridade á veciñanza e viandantes nas rúas San Bieito e Emigrante e nos tramos iniciais dos viarios de dirección ás parroquias de Peiteiros, Chaín e Morgadáns, que unen estas parroquias co centro urbano de Gondomar. Deste xeito, co modelo de mobilidade amable e segura da Deputación, ampliaranse as beirarrúas –tratando de manter o ancho de 2,5 metros con variantes puntuais- e servizos como o alumeado público e mellorarase a parada de autobuses no inicio do viario en dirección ás parroquias de Chaín e Morgadáns. Esta humanización tamén contempla a construción de novos pasos de peóns elevados, adecuados á normativa actual, á vez que se conserva o paso de vehículos.