O equipo de Cirurxía Cardíaca do Hospital Álvaro Cunqueiro vén de realizar o seu décimo implante dun dispositivo de asistencia ventricular esquerdo a unha paciente de 67 anos de idade, o que lle permitirá prologar a vida desta persoa con insuficiencia cardíaca coma se fose un corazón artificial.
A operación estivo dirixida polo xefe deste Equipo de Cirurxía Cardíaca, o doutor Juan José Legarra, que contou ademais coa participación doutros especialistas doutros departamentos como Anestesioloxía ou Reanimación.
A intervención realizouse nunha paciente cunha doenza na que se aconsellaba realizar esta intervención. Tal e como comenta o doutor Legarra: “Este tipo de intervencións só pódense facer a pacientes específicos que non son candidatos a un transplante cardíaco pero que este sistema suple igualmente esa intervención, prolongando a súa esperanza de vida”.
Décimo implante
As intervencións cirúrxicas cardíacas con este tipo de implante comezaron no Hospital Álvaro Cunqueiro en 2017, cunha frecuencia de aproximadamente un implante ao ano, aínda que en 2023 chegáronse a facer tres, alcanzando este ano o décimo dispositivo implantado.
O Heartmate 3, que é como se chama esta bomba mecánica implantable, axuda ao corazón para bombear o sangue desde o ventrículo esquerdo ao resto do corpo, xa que se conecta coa aorta. Conta cunhas baterías externas que proporcionan enerxía durante 17 horas ininterrompidas e que o paciente debe recargar durante o soño nocturno.
A adaptación a este sistema e a súa familiarización é o que provoca que a hospitalización do, ou da, paciente prolónguese por un espazo de tempo superior ao que clinicamente podería ser, xa que, por seguridade, a persoa implantada, e a súa familia, debe afacerse ao seu funcionamento, aínda que non é moi complicado.
Esta tecnoloxía permite que o paciente realice con normalidade a maioría das tarefas cotiás que antes pola súa insuficiencia cardíaca realizaba con dificultade pola fatiga.
Trátase dun dispositivo tecnoloxicamente moi avanzado no que o empuxe do sangue realízase por un rotor que xira a máis de 4.500 revolucións por minuto, grazas a un mecanismo de levitación magnética completo.
Cada vez máis frecuente
O implante destes dispositivos é cada vez máis frecuente, tanto debido ao seu resultado como á escaseza de órganos para o transplante cardíaco e á melloría dos diferentes tratamentos, que permiten que persoas con enfermidades cardíacas serias, con todo, cheguen a idades avanzadas, onde o transplante cardíaco xa non é unha opción de tratamento.
Este tipo de programas de soporte mecánico cardíaco de longa duración é o froito da colaboración multidisciplinar dos equipos de Cirurxía Cardíaca, Anestesioloxía e Reanimación e Cardioloxía, requirindo dun esforzo técnico e humano excepcional tanto na valoración dos casos como no implante e no seguimento a longo prazo dos pacientes.
Nos próximos días, está prevista unha nova intervención semellante no Hospital Álvaro Cunqueiro.

