Con motivo da celebración das Letras Galegas 2024, no salón de actos do CPI de Cova Terreña ten lugar a exposición etnográfica “Tecendo redes”. Da man do Doutor en Historia, nomeado recentemente Cronista Oficial de Baiona, Anxo Rodríguez Lemos, alumnado e profesorado fan un percorrido polo procesado da planta do cáñamo cara a conseguir fío para a feitura tanto de cordel e cabos para o mar, coma de aparellos para a pesca. “O cáñamo foi a materia prima orixinal da feitura dos aparellos de pesca no porto de Baiona”, explicoulles hoxe ao alumnado da ESO.
Nesta mostra amósanse tamén distintas artes de pesca. Sorprendeulles, especialmente, ver a cesta da arte do palangre que contiña 300 anzois. Foi moi interesante a interacción do relator cos asistentes lembrando aqueles oficios que realizaban as mulleres e homes baioneses, moitos deles familiares das alumnas e dos alumnos. Houbo tempo tamén para falar da necesidade de coidar o noso mar, as nosas tradicións, o noso legado.
Mañá, martes, continuará compartindo o seu saber co alumnado de educación infantil e de primaria. Con Anxo, co seu coñecemento e a súa forma de transmitir/ensinar, realízase sempre unha viaxe no tempo. El nos achega valiosos materiais antigos que nos fan reflexionar sobre a nosa historia. Esta actividade, relacionada co lema do centro deste curso, “O mar que nos une”, está organizada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega.





