Sin categoría

A Xunta pide aos sindicatos “responsabilidade e ánimo construtivo”

Na mañá deste xoves tivo lugar unha nova xuntanza entre a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 cos sindicatos para abordar a situación dos contratos de transporte sanitario da área de Vigo. Nesa reunión, os representantes da Administración autonómica informaron do estado das xestións que está realizando para garantir os dereitos laborais dos traballadores e a continuidade deste servizo esencial.

A Administración autonómica detallou que tras a renuncia unilateral do adxudicatario do contrato, a Xunta adoptou as medidas necesarias para evitar que se interrompera o servizo e garantir o pagamento das nóminas do mes de abril aos traballadores. En caso de acreditarse desaxustes nas retribucións percibidas por algúns traballadores tomaranse as medidas para corrixilos nos vindeiros días.

Paralelamente, como así se comunicou na xuntanza, a Xunta está ultimando a tramitación pola vía de emerxencia dun novo contrato para garantir a continuidade do servizo, mentres se deseña o prego para unha nova contratación ordinaria.

A administración autonómica pídelle aos representantes sindicais “responsabilidade e ánimo construtivo”, toda vez que algúns deles abandonaron a reunión, “e tendo en conta a máxima vontade de diálogo e de implicación que están a demostrar os responsables autonómicos”.

“O transporte sanitario é un servizo esencial para a cidadanía e a Xunta está dando todos os pasos necesarios para garantir a súa prestación, asegurando o cumprimento das condicións laborais dos traballadores”, sinalan desde a Consellería de Sanidade.