Arranca o 56º Rallye Recalvi Rías Baixas

Miles de persoas encheron este xoves a céntrica rúa Policarpo Sanz para dar a benvida aos equipos inscritos no 56º Rallye Recalvi Rías Baixas. A expectación foi máxima, xa desde o momento no que comezaron a chegar os vehículos ao pre-parque de saída. O despregamento montado para a ocasión pola Escuadra Rías Baixas, a espectacularidade dos coches de carreiras e a presenza no acto do emblemático Alpinche de Estanislao Reverter foron un reclamo para os afeccionados ao mundo de automobilismo e mesmo, para os que non o son.

Moitos tiveron ademais a oportunidade de conseguir un autógrafo e unha fotografía dos equipos máis punteiros. No acto de firmas organizado para a ocasión participaron “Cohete” Suárez, Pablo Pazó, Jorge Pérez, Jorge Cagiao, Adrián Costas, Alberto Meira e Álvaro Muñiz, cos seus respectivos copilotos.

Ás 20.30 horas, cumprindo co horario previsto, comezou a cerimonia de saída. Tras o coche 0 e outro Alpine de rúa pilotado polo ex piloto vigués Guillermo Barreras, o alcalde de Vigo Abel Caballero e o vicepresidente da Federación Española de Automobilismo, Vicente Medina, deron o bandeirazo de saída ao primeiro equipo da lista de rexistrados, o Skoda Fabia RS Rallye2 de Jose Antonio “Cohete” Suárez. Tras el, foron cruzando o podio os demais vehículos que toman parte no 56º Rallye Recalvi Rías Baixas.

Á cerimonia tamén asistiron os concelleiros vigueses Manel Fernández e Carlos López Font; o secretario xeral de deportes da Xunta de Galicia José Ramón Lete e a candidata á alcaldía de Vigo polo Partido Popular, Marta Fernández entre outras personalidades.

O Skoda Fabia RS Rally2 de Jose Antonio “Cohete” Suárez parte co dorsal número 1 no 56º Rallye Recalvi Rías Baixas pero ata este venres non se saberá se o vehículo do Recalvi Team será o primeiro en afrontar os distintos tramos. A orde de saída do top ten da proba viguesa poñerase en xogo no tramo cronometrado de clasificación, unha especial de 4,42 quilómetros que os dez primeiros da lista de inscritos deberán afrontar a partir das 10.15 horas nas inmediacións do Monte Alba. O máis rápido en completar ese TCC será o primeiro en elixir o posto no que quere saír. Ademais de “Cohete”, nese tramo cronometrado participarán Jorge Cagiao, Jorge Pérez Oliveira, Álvaro Muñiz, Óscar Palacio, Alberto Meira, Adrián Costas, Unai de la Dehesa e Javier Galán.

Na mesma estrada de O Zondal, antes e despois do TCC, os pilotos que así o solicitaron, tamén poñerán a proba as súas monturas no tramo test.

De fronte ao afeccionado, son dous bos aperitivos do que se poderá vivir neste 56º Rallye Recalvi Rías Baixas. A proba, puntuable para a Copa de España de Rallyes de Asfalto CERA-Recalvi, disputarase sobre un total de 118 quilómetros cronometrados divididos en seis tramos (cinco deles a dobre pasada) e distribuídos en dúas xornadas.

A primeira etapa comeza este venres pasadas as seis da tarde coa disputa do tramo Barciademera-Fornelos, unha especial de 13,42 km que se corre en sentido inverso á pasada edición. Posteriormente os vehículos afrontarán os 7,82 quilómetros do tramo Concello de Ponte Caldelas e tras unha parada de reagrupamento (ás 19.15 h.) de media hora no centro desa localidade, arrancará o segundo bucle do día.

Tras acometer esta primeira etapa, os equipos dirixiranse ao parque pechado situado na rúa Policarpo Sanz de Vigo. Alí quedarán os seus vehículos ata o sábado pola mañá.