Sin categoría

A Praia de Patos acolle a IV Copa Concello de Nigrán de surf adaptado

A Praia de Patos será escenario este venres da IV Copa Concello de Nigrán de surf adaptado. O areal acolleu este xoves a presentación desta competición dedicada ás persoas con discapacidade intelectual e tamén a do V Campionato de España de Parasurf para deportistas con discapacidade física (clasificatorio para o Mundial, e que se pospón ao 24, 25 e 26 de maio ante as poucas ondas desta fin de semana). Ambos eventos están promovidos desde Quenlla Surf Club (único club galego dedicado ao parasurf e con sede en Nigrán), Federación Galega e Española de Surf, Concello de Nigrán, Xunta, Fundación Bimba y Lola e Grupo S4.

“Patos é xa sinónimo de inclusión e diversidade en toda España e do surf universal. Esta é a mellor imaxe que podemos exportar do noso municipio e non se limita a un día, se non a todo o ano. Ofrécennos unha lección de vida e de superación únicos”, explicou o alcalde, Juan González.

Deste xeito, o areal será escenario desta proba lúdica e non competitiva na que todos gañan e na que participan 50 persoas con discapacidade intelectual de todo Vigo e comarca, máis do dobre que no 2023. Serán dúas horas de competición, de 11:00 a 13:00, en mangas de 6 deportistas cada 15 minutos. Como cada ano, asistirán usuarios do Club Quenlla, CEE Juan María, Fundación Menela, Igualarte, Centro San Francisco e, por vez primeira, o CEE San Rafael. Para moitos deles será a primeira vez que se suban a unha táboa.

“Confiamos en que unha vez que o surf sexa declarado como deporte olímpico se teña por fin en conta á discapacidade intelectual, porque agora só é oficial o parasurf dedicado á discapacidade física”, explica Luis Pena, presidente de Quenlla Surf e promotor deste campionato que consigue que cada vez máis persoas con diversidade se animen a surfear.

“O surf é paciencia, é perseverancia, é disciplina, intelixencia… No surf non teño rivais, teño compañeiros, porque un só ten a altura deportiva dos rivais cos que se mide, e nese sentido teño aos mellores: son exemplos de superación e de vida”, explicou aos presentes Senén Jalda, deportista afectado desde a infancia cunha parálise cerebral que lle afecta á motricidade. El será un dos deportistas da comarca que participe no Campionato de España de Parasurf despois de quedar cuarto o ano pasado, cando só levaba un par de meses practicando. “O surf é unha forma de vida. O surf é a vida e para os surfistas a vida é o surf”, concluíu na presentación do campionato na mañá deste xoves.