Sin categoría

Eslovenia e Mónaco pisan forte na estrea da 44CUP de Baiona

Bocinazo de saída para a 44CUP Baiona 2024. A cita que organiza o Monte Real Club de Yates co patrocinio de Turismo de Galicia inaugurou marcadores este xoves coa disputa das dúas primeiras probas de campionato e un dobre empate na cabeza entre o esloveno Team Ceeref Vaider e o monegasco Charisma, que foron os mellores entre unha igualadísima frota na que todo pode pasar.

A xornada comezou tranquila, sen vento e cos equipos en terra á espera de que as condicións mellorasen para poder inaugurar a competición en augas das Rías Baixas. O comité de regatas botouse ao auga ao redor das doce e media para avaliar a situación e finalmente, unhas dúas horas despois do previsto inicialmente, a frota puido soltar amarras para dirixirse á área situada fronte a Cíes, onde xa sopraba un noroeste duns oito ou nove nós de intensidade.

Pasadas as dúas e cuarto da tarde, os nove RC44 escoitaron por fin o bocinazo de saída que inaugurou os marcadores da cita máis esperada do calendario de regatas de Galicia, e fixérono demostrando o gran potencial deste tipo de barcos mesmo con ventos suaves e a gran igualdade que hai entre eles.

A primeira proba saldouse cunha cómoda vitoria para o equipo de Suecia, o Artemis, que compite baixo os mandos de Törbjorn Törnqvist e con Hamish Pepper como táctico, vencedor da 44CUP a pasada tempada a bordo do Charisma.

Os de Tornqvist, que comezaron a manga por detrás do resto da frota ao ter que retomar a saída por cruzar a liña antes do bocinazo, souberon recuperarse e colocáronse na cabeza rapidamente, logrando unha vantaxe importante sobre os seus perseguidores. Por detrás, a segunda e terceira posición ocupárona os dous barcos monegascos, o Charisma de Nico Poons e o Team Nika de Vladimir Prosikhin.

A segunda e última proba do día tamén se fixo de rogar. O vento foi caendo cara ao final da primeira manga e o comité tivo que esperar ata pasadas as catro e media da tarde para iniciar un novo procedemento de saída.

Finalmente, e de novo con moi boas condicións na área das illas Cíes -uns dez nós de compoñente noroeste-, a frota completou unha segunda proba na que as tornas cambiaron completamente. O Artemis pasou a anotarse un sétimo e a vitoria levoulla o esloveno Team Ceeref Vaider de Igor Lah, que na primeira proba fora quinto.

Por detrás, nesta ocasión segundo foi o británico Península Racing de John Bassadone, que conta co galego Mikel Pasabant entre a súa tripulación, e terceiro o francés Aleph Racing de Pietro Loro Piana.

Con estes resultados, a primeira xornada da 44CUP Baiona 2024 saldouse con dobre empate na cabeza entre o Team Ceeref Vaider e o Charisma, que acumulan os dous seis puntos, aínda que o desempate favorece polo momento ao equipo esloveno ao conseguir unha vitoria parcial.

Completa o podio provisional o Artemis Racing cun total de oito puntos, os mesmos que o cuarto clasificado, o Península Racing.

O equipo español Calero Sailing Team co galego Iago López Marra entre as súas filas estreouse en augas galegas cun noveno e un quinto, resultados que o sitúan na oitava posición provisional.

Unha vez finalizada a xornada, regatistas e armadores reuníronse no village do Monte Real para gozar dun merecido descanso e degustacións de produtos típicos galegos grazas á colaboración de Galicia Calidade. Ata unha pulpeira do Carballiño fixo as delicias das tripulacións internacionais.

A frota retomará a competición este venres a partir das doce, aínda que todo dependerá das condicións de vento que se presenten.

Como cada día, as regatas poderán seguirse de maneira en liña e desde este venres tamén a bordo do catamarán da navieira Piratas de Nabia, reservando unha praza previamente nesta ligazón.