O párroco de Baredo, Baíña e Belesar celebra as súas vodas sacerdotais de prata

Cada ano os sacerdotes e seminaristas reúnense en Tui o 13 de maio para revivir, como se fixo en 1921, a consagración do Seminario ao Corazón de Xesús. Recentemente converteron tamén esa ocasión en escusa para felicitar e homenaxear aos compañeiros presbíteros que no ano celebren as súas vodas sacerdotais de diamante, ouro e prata. Este ano corresponde homenaxear ao bispo e a 7 sacerdotes máis.

O programa iníciase ás 11:00 horas, no salón de actos do Seminario Menor, cunha conferencia a cargo do profesor Antonio Ávila Blanco, licenciado en Psicoloxía pola Universidade Complutense de Madrid e doutor en Teoloxía catequética pola Universidade Pontificia de Salamanca, na que abordará diferentes propostas de futuro para superar o desgaste e o cansazo do clero. Ás 12:15 horas, na anexa igrexa de San Francisco, celebrarase a eucaristía tras a cal ten lugar a renovación da consagración ao Corazón de Xesús ante a centenaria imaxe erixida no claustro do Seminario tudense. Conclúe a xornada sacerdotal cunha comida de confraternidade, ao final da cal se homenaxea, entre recordos e bromas, ao bispo de Tui-Vigo, Mons. Luis Quinteiro, polo 25 aniversario da súa ordenación episcopal, e a 7 sacerdotes desta diocese que, este ano, celebran as súas vodas sacerdotais.

Seguramente nas súas respectivas parroquias ou comunidades nas que serven estes sacerdotes recibirán posteriormente, na data axeitada, a felicitación polos seus anos de entrega. Celebran as súas Vodas de Diamante (60 anos): Antonio Estévez Fernández, Jesús García Villadóniga, José Luís Rodríguez Grande e Julio Montero Álvarez. Vodas de Ouro (50 anos): Ángel Marzoa Rodríguez. Vodas de Prata (25 anos): Francisco José Cabaleiro Lorenzo e Manuel Lage Lorenzo.

Francisco José Cabaleiro Lorenzo

Foi ordenado sacerdote en 1999, en Tui. Desde o ano 2008, é capelán do Hospital Meixoeiro e, desde 2015, párroco nas parroquias de Baredo, Baíña e Belesar. Anteriormente, exerceu o seu ministerio como vigairo parroquial de San Ignacio de Loyola e A nosa Señora das Neves en Vigo; ademais, foi arcipreste de Vigo-Teis.