Sin categoría

Baiona volve lograr a Bandeira Azul para as súas seis praias

Baiona volve lograr pleno de Bandeiras Azuis para os seus areais. A praia da Ladeira, que non a luciu o ano pasado (conseguida no 2021 e 2022), recupera o distintivo sumándose así á Barbeira, A Concheira, Os Frades, A Ribeira e Santa Marta. A Bandeira Azul tamén ondeará no porto deportivo do Monte Real Club de Yates, e o Centro de interpretación ambiental Foz do Miñor, en Sabarís, se estrea este ano como centro azul.

Galicia contará este ano cun total de 114 praias pertencentes a 35 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de rigorosos criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos.

Deste xeito, Galicia concentra case unha de cada cinco bandeiras concedidas en España (638) e consolida a súa posición entre as tres comunidades que reciben un maior número de distintivos para as súas praias, xunto con Valencia (que suma 138) e Andalucía (130).

Así mesmo, Adeac tamén deu a coñecer esta mañá a relación de portos deportivos nos que ondeará a bandeira azul. Das 102 instalacións recoñecidas no conxunto do país, 11 están en Galicia, unha menos que na pasada edición, xa que o Club Náutico Boiro-Marina Cabo de Cruz non presentou candidatura este ano por estar en obras.

De igual xeito e aínda que neste caso non lucirán bandeira como tal, Adeac recoñeceu un ano máis o labor dos chamados centros azuis, categoría na que se engloban aulas de natureza, centros de recepción de visitantes e instalacións similares dedicadas á educación ambiental. Dos 87 galardoados en todo o país, 15 están en Galicia, destacando en especial a incorporación do Estaleiro de Purro, en Bueu, e do Centro de interpretación ambiental Foz do Miñor, en Baiona.

Cómpre subliñar que os criterios esixidos por Adeac para a concesión da bandeira azul, no caso de praias e portos, están relacionados coa calidade das augas -que ten que ser excelente-; a seguridade e a accesibilidade; a dotación de servizos; así como a xestión ambiental e a sustentabilidade. Pola súa parte, os centros azuis deben fomentar a educación ambiental no litoral, o coñecemento da contorna e as alternativas de ocio.

Por provincias, Pontevedra concentra o maior número de bandeiras azuis de Galicia, concretamente 60 que recaen noutras tantas praias e outras 6 en instalacións portuarias. No caso da Coruña, os galardoados foron 38 areais e 4 portos e no de Lugo, recoñeceuse con este distintivo a 16 praias e 1 porto deportivo.