A espectacular 44CUP, un dos circuítos de vela máis prestixiosos e emocionantes do mundo, visitará Galicia a próxima semana. Do 8 ao 12 de maio, a vila mariñeira de Baiona acollerá por primeira vez na súa historia unha das fases da competición, que se disputa ao longo do ano en diferentes puntos ao redor do mundo. O Monte Real Club de Yates, organizador da cita, presentará oficialmente a competición o vindeiro martes nun evento que se celebrará ás 13:15 nas súas instalacións. O seu presidente, José Luis Álvarez asegura que no club levan meses preparando unha cita á que augura un gran éxito.
“No Monte Real Club de Yates xa temos todo preparado para recibir por primeira vez en Galicia a estas espectaculares máquinas de regatear que son os RC44. Para nós é unha honra poder organizar unha competición de tan alto nivel como esta, cuns barcos de regata únicos e algúns dos mellores regatistas do mundo. Estamos seguros de que o club estará, como sempre, á altura das circunstancias; e que as Rías Baixas se mostrarán aos armadores e regatistas de RC44 en todo o seu esplendor. Esperamos que todos os que veñan participar ou a ver este espectáculo desfruten como nunca”, di o presidente do MRCYB.
Para os regatistas españois que compiten a bordo do Península Racing e Calero Sailing Team, dous dos barcos do circuíto, Baiona é un lugar familiar. Outros non estiveron aquí nunca e algúns nunha soa ocasión, como Michele Ivaldi, que gañou a Baiona Sailing Week hai dous anos co Quantum Racing e que regresa a Galicia cos RC44 como táctico do Aleph Racing. O táctico de Team Nika, Nic Asher, tamén visitou Baiona cos TP52, e fala dela mil marabillas. “É preciosa, co seu porto deportivo e o Parador, e unhas preciosas paisaxes. En canto ao vento, pode ser calquera cousa, tocaranos regatear no Atlántico ou na baía. E o peixe tamén é estupendo. Creo que o pasaremos ben alí”.
A semana que vén, dependendo das condicións meteorolóxicas, María Torrijo, Oficial Principal de Regatas da 44Cup, poderá elixir entre dous percorridos para os RC44. Unha opción estará situada cara ao oeste de Baiona, cara ao Atlántico. Pero se o vento predominante do norte/noroeste sopra e levanta ondada, existe tamén a opción de regatear na ría de Vigo, utilizando as Illas Cíes como protección. Aínda que o lugar é novo para a 44Cup, xa que é a primeira vez que se celebra en Galicia, as condicións poderían ser similares a outras atlánticas que os equipos coñecen ben, como é o caso de Cascais (Portugal). A estas alturas, aínda que quedan días para o evento, a previsión anuncia ventos frouxos para os primeiros días de competición e, se isto cúmprese, a opción do primeiro percorrido sería a máis probable.

