Un ano máis, a Área Sanitaria de Vigo súmase á celebración da Xornada Mundial de Hixiene de Mans a través dunha campaña de sensibilización que atinxe tanto aos hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro como a diferentes centros de Atención Primaria, mediante o emprego de material audiovisual, mesas informativas e, ademais, actividades para os profesionais da saúde.
Cómpre indicar que esta é a primeira vez que esta campaña está coordinada polo recentemente creado Comité de Hixiene de Mans da Área Sanitaria de Vigo: un órgano de asesoramento da Comisión de Dirección, a Comisión de Calidade e a Comisión de Infeccións, e que ten como obxectivo principal liderar, coordinar e impulsar o programa de Hixiene de Mans entre profesionais, pacientes e familiares das distintas unidades, servizos e centros pertencentes á nosa área.
Sensibilización á sociedade e á profesión sanitaria
Nesta convocatoria, adiantada ao 3 de maio pola festividade do día 5 (domingo), a pretensión é chamar a atención en dous niveis, por un lado, baixo o lema xeral “A hixiene de mans prevén as infeccións”, a Área Sanitaria de Vigo adhírese a esta campaña mundial que trata de sensibilizar ao conxunto da poboación de que hai que lembrar que a hixiene de mans salva millóns de vidas cada ano, e tamén cando se realiza correctamente e no momento axeitado durante a prestación da atención á saúde.
Por iso, o Comité de Hixiene de Mans da Área Sanitaria de Vigo decidiu impulsar accións baixo o lema “Leva ben as Luvas”, co fin de promover entre os profesionais da saúde o adecuado uso das luvas durante a atención sanitaria, unha práctica fundamental para garantir a seguridade das e dos pacientes e a prevención de infeccións.
Dinámicas formativas
Para facer chegar de maneira eficaz esta mensaxe, un grupo de 20 alumnas e alumnos da Escola de Enfermería do Meixoeiro e 11 médicas e médicos residentes de Medicina (MIR) da Área Sanitaria recibiron unha capacitación impartida por unha enfermeira profesional do Servizo de Medicina Preventiva (Begoña Gil Daponte) sobre a importancia da hixiene das mans e o correcto emprego das luvas na asistencia sanitaria.
Este alumnado capacitado, levará a cabo unha campaña de sensibilización, distribuíndo globos nos distintos servizos dos Hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro. Estes globos levarán o lema do evento e estarán acompañados dun código QR que enlaza a un documento con pautas sobre o uso adecuado de luvas en diferentes situacións, baseadas nas recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) e do Plan Nacional de Resistencia aos Antibióticos.
Nos centros de saúde de A Cañiza, Redondela, Ponteareas, Rosalía de Castro, Val Miñor, como de Atención Hospitalaria, realizouse unha dinámica formativa para resaltar a importancia de usar ben as luvas, brindando unha orientación directa ás, e aos, profesionais de saúde nos seus respectivos lugares de traballo.
Así, tamén instaláronse mesas informativas con “lámpadas máxicas”, para comprobar se as mans dos profesionais están ben hixienizadas tras facer esta tarefa empregando un preparado de base de solución hidroalcohólica marcado con fluoresceína. Unha vez realizada a hixiene de mans con este preparado especial, introdúcenas nesta “lámpada máxica”, dotada dunha luz ultravioleta que permite observar a simple vista as rexións nas que non chegou a solución e, polo tanto, non están correctamente limpas e desinfectadas. En concreto, as zonas escuras das mans colocadas baixo a luz ultravioleta da lámpada delatan as áreas das mans mal desinfectadas.
Así mesmo desde o 29 de abril, os profesionais do Hospital Álvaro Cunqueiro puideron visualizar nos seus computadores informacións nas que aparecen situacións nas que se recomenda o emprego de luvas, reforzando a importancia dunha avaliación coidadosa antes do seu emprego.
Constitución do Comité de Hixiene de Mans: un fito no compromiso coa prevención de infeccións
O pasado 13 de marzo, constituíuse formalmente o Comité de Hixiene de Mans da Área Sanitaria de Vigo. Este Comité, que representa un fito no compromiso da Área Sanitaria de Vigo coa seguridade do paciente e a prevención de infeccións, nace da colaboración de diversos departamentos: Servizo de Medicina Interna, Unidade de Calidade de Coidados, Dirección de Enfermería e o Grupo de Investigación en Enfermidades Infecciosas do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, o que demostra o enfoque multidisciplinario e a dedicación cara á mellora continua na atención sanitaria.
O Comité está formado por profesionais de Atención Hospitalaria e Primaria, con representantes da dirección e de todos os colectivos profesionais, e liderados polos servizos de Medicina Preventiva, Infecciosos e Calidade e Seguridade do Paciente. As actividades para celebrar o Día Mundial da Hixiene de Mans están a ser lideradas e coordinadas polo Comité, que este ano propuxo darlle énfase á campaña no uso adecuado de luvas.

