Baiona despide o curso cunha festa para presentar o libro “Un paseo por Baiona”

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, percorreu os centros municipais de primaria para entregar persoalmente a cada un dos alumnos e alumnas baioneses un exemplar do libro “Un paseo por Baiona”. O rexedor aproveitou a mañá de fin de curso para visitar o CEIP Belesar, CEP Sabarís, CEIP Fontes-Baíña e CPI Cova Terreña. En total repartíronse 516 exemplares. O alumnado recibiu moi ilusionado o agasallo. Tamén se depositaron exemplares do conto nas distintas bibliotecas dos colexios.

As artífices do libro son o grupo de fusión de arte do Val Miñor “Solaina”, composto pola escritora Soledad García, a ilustradora Laine Villero e a deseñadora Natalia Guisande, a quen desde o consistorio baionés contratouse para realizar o conto guía “Un paseo por Baiona”. Un percorrido por Baiona convertido en conto. Un pequeno garrano da Serra da Groba, chamado Artai, esperta unha mañá á beira dunha estraña árbore que ocupa o lugar do seu amigo Ora, o carballo que o arrolaba polas noites. A partir de aí buscará pola costa de Baiona, xunto ao boi Breogán, quen o axuda a salvalo.

Os actos de presentación do libro desenvolveranse nos xardíns da Casa da Navegación a partir das 18:00 horas da tarde o vindeiro martes, 28 de xuño, nunha xornada máxica onde lucirá o amarelo. Pois a data de presentación está moi próxima ao Día Amarelo, o día máis feliz do ano, o día do Solsticio de Verán. Desde o Concello de Baiona convídase a todas as nenas e nenos de Baiona a gozar desta bonita actividade.

A escritora Soledad García manifesta o entusiasmo deste traballo para sensibilizar á poboación e especialmente ás nenas e nenos do Val Miñor da importancia de coidar da nosa riqueza ambiental e en especial dos garranos, que campan desde fai miles de anos na Serra da Groba. Este último traballo de Solaina ten un forte impacto ambiental para a protección dos garranos e o medioambiente.

Pola súa banda, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, sinala que “o libro Un paseo por Baiona convida os lectores a descubrir Baiona desde un punto ambiental e turístico. Trátase duns exemplares ideados para que o público infantil e familiar coñeza de primeira man a riqueza natural, paisaxística e cultural que ofrece a localidade desde un punto de vista lúdico. No conto fanse distintas paradas polo noso municipio nas que os máis pequenos poderán descubrir os nosos marabillosos recursos”.

Así mesmo, “os nenos e nenas aos que lle entregamos o libro serán adultos do futuro comprometidos coa nosa contorna. Entre todos temos que sumar forzas para protexer noso patrimonio e conservalo das agresións á nosa natureza”. Estes actos súmanse a unha semana feliz, positiva e creativa do Concello de Baiona para despedir a primavera e dar comezo ao verán nos colexios do municipio. Desde o Concello de Baiona anímase a todos os asistentes a acudir vestidos de amarelo.