O Centro de Día Mancomunado do Val Miñor celebra a apertura do seu novo horto comunitario, grazas ao apoio da Deputación de Pontevedra e do Concello de Baiona. Jose Ramón Rodríguez e María Martínez, do servizo de residuos da Deputación de Pontevedra, fixeron entrega dun composteiro de última xeración e ofreceron unha formación especializada sobre a súa correcta utilización. A coordinadora de COGAMI, Susana Rodríguez, tamén estivo presente.
Desde o Concello de Baiona, os concelleiros Ana Iglesias, Gonzalo Pérez e Joaquín López, colaboraron activamente no proxecto levando dúas bancadas que serán utilizadas como horto. Ademais, proporcionaron unha variedade de plantas, incluíndo leitugas, tomates cereixa, pementos de padrón, acelgas e plantas aromáticas para ser sementadas e coidadas polos maiores do Centro de Día.
Durante a xornada inaugural, tanto traballadores como maiores recibiron unha formación sobre o uso axeitado do composteiro, que lles permitirá ser máis eficientes e contribuír ao éxito do horto. O novo horto do Centro de Día do Val Miñor representa un paso importante cara á promoción da sustentabilidade, a inclusión social e o benestar dos maiores.




