Sin categoría

Os favoritos cumpren e fanse coas vitorias do Trofeo Repsol

Este domingo finalizou en Baiona unha nova edición do Trofeo Repsol, a histórica Regata de Primavera do Monte Real Club de Yates, que neste 2024 cumpriu a súa 46ª edición con medio centenar de barcos regateando pola vitoria en tres xornadas de competición. Despois dos bastóns postos en xogo o venres para a vintena de J80 participantes, e a costeira ata Sanxenxo do sábado, na que participou xa toda a frota ao completo, este domingo tocou regata de regreso, de Sanxenxo a Baiona. Foron en total 18 millas que as tripulacións navegaron cun vento con boa intensidade, de entre 10 e 15 nós de media.

Se na costeira do sábado, de case 14 millas, o Aceites Abril dos irmáns Pérez Canal fora o máis rápido cruzando a liña de chegada unha hora e corenta minutos, no percorrido deste domingo foi superado polo Magical de Julio Rodríguez, que completou o trazado en dúas horas e sacoulle unha vantaxe de 3 minutos ao Abril, co que navegara á vez durante practicamente todo o percorrido ata o final. Ambos os dous barcos, do Real Club Náutico de Vigo, cumpriron coas previsións e coáronse o podio. No resto de categorías non houbo grandes sorpresas e os favoritos de cada clase acabaron por levar o título. Repasamos como quedou a clasificación:

ORC 1-3

Tras vencer no costeira rumbo a Sanxenxo e quedar segundo no percorrido de volta a Baiona, o Aceites Abril dos irmáns Luis e Jorge Pérez Canal (RCN Vigo), foi o gañador da clase ORC 1-3, que agrupou aos barcos máis grandes. A medalla de prata colgoulla Víctor Carrión e o seu equipo do Club Náutico de Punta Lagoa a bordo do Bon III; e o Magical de Julio Rodríguez (RCN Vigo), que acabou primeiro este domingo, pechou o podio en terceira posición por mor do quinto posto logrado o primeiro día.

ORC 4

ORC 4 volveu ser, unha vez máis, unha das categorías con máis calidade entre os seus participantes. Todos navegan moi ben e é difícil ver aos veleiros demasiado afastados uns doutros durante a navegación. Proba diso son os resultados finais. Dos cinco barcos inscritos, tres deles acabaron empatados a puntos. A pesar de todo, hai unha tripulación que non dá tregua e que neste Trofeo Repsol volveu impoñer a súa lei. Con dúas vitorias nas dúas costeiras, o Deep Blue 2.1 de Vicente Cid (RCN Vigo) foi, sen dúbida, o mellor. Ao seu ronsel no podio, dous barcos do Monte Real Club de Yates, empatados a puntos, o Unus de Luis García Trigo; e o John’n Jack de Jean Claude Sarrade, segundo e terceiro respectivamente.

ORC 5

En ORC-5, a vitoria levoulla un deses equipos de amigos que levan moito tempo navegando xuntos e fan bo o dito de que a experiencia é un grao, o Balea Dous do Real Club Náutico de Rodeira, liderado por Luis Pérez. Tras vencer no Trofeo CdeC, a tripulación canguesa, cun primeiro e un segundo nas costeiras disputadas, meteuse unha nova vitoria no peto. Impúxose sobre o Nahela de Víctor Álvarez, do Club Deportivo Alagua; que quedou segundo; e o Travesío do Real Club Náutico de Sanxenxo, que quedou terceiro con César Martínez aos mandos.

A2

Na categoría de A2, con tripulacións reducidas ao máximo e só dous regatistas a bordo, o Real Club Náutico de Vigo levou os premios gordos do Trofeo Repsol. O Salaño Dos, de Jacobo Vecino e Brenda Maure, cumpriu coas expectativas e levou as vitorias das dúas probas disputadas e os loureiros da súa clase de forma contundente, nada sorprendente para unha parella que leva tempadas gañando practicamente todas as competicións de A2. A prata foi para outro tándem que funciona moi ben neste tipo probas, o equipo formado por José Luis Ríos e María Jesús Montes, tamén do club olívico. Nesta ocasión fixeron un segundo e un terceiro e acabaron segundos. Pechou o podio, cun cuarto e un segundo en cada unha das probas, un equipo independente, o Vagalume de Luis Vidal e Eva María Fernández.

ORC EXTRA

Na clase ORC Extra, na que competían, entre outros, os seis Fígaros da Escola de Vela do Monte Real Club de Yates, tres dos equipos formados por alumnos do MRCYB foron os que lograron subirse aos caixóns do podio. O Bouvento de Javier Bernárdez quedou primeiro, deixando a segunda e terceira posición ao Erizana de Juan Antonio Afonso e o Tutatis de María Jesús García.

J80

Na clase J80, a tripulación do Alboroto segue cultivando éxitos para engrosar o seu palmarés deste 2024. Tras o ouro logrado na Liga de Inverno e o bronce do Trofeo CdeC, nesta ocasión volven subirse ao máis alto do podio tras lograr, cuns parciais de 1-5-1-3, a vitoria final. A bordo do xota, os habituais Javi Aguado e Javi Lago, acompañados nesta ocasión por Amador Riveiro e Chuchi Lastra. En segunda posición, cunha moi boa actuación e parciais de 2-4-3-4, aparece o Grupo Puma, con Javier Martínez Valente aos mandos. E o terceiro posto foi para o Mondo de Bernardo Macedo.

O MRCYB PECHA ABRIL COA REPSOL E ABRE MAIO COA 44CUP

Tras inaugurar tempada regateira coa Liga de Inverno Baitra J80, e poñer en xogo o Trofeo CdeC e o Trofeo Repsol, o Monte Real prepárase xa para a súa cita máis internacional da tempada: a 44CUP. O prestixioso circuíto internacional de regatas chegará ás Rías Baixas por primeira vez na súa historia para celebrar un dos cinco eventos programados na súa décimo sétima edición. A cita será do 6 ao 12 de maio e durante a semana que vén empezarán a chegar xa a Baiona os barcos e parte das tripulacións e técnicos.