O CEIP Humberto Juanes celebra o seu 50º aniversario cunha cea de reencontro con alumnos e profesores

O CEIP Plurilíngüe Humberto Juanes de Nigrán pon o colofón aos actos deste ano de celebración do 50 aniversario de construción do colexio celebrando un acto institucional e unha cea de reencontro con exalumnos e profesores. O acto terá lugar o próximo 1 de decembro no Náutico de Panxón. Ás 20:00 horas haberá un acto institucional e posteriormente ás 21:00 horas dará comezo a cea.

Esta cea de reencontro representa unha oportunidade única para que exalumnos, profesores e exprofesores revivan momentos especiais e compartan un intre entrañable. A celebración incluirá un acto previo institucional por estes 50 anos. Será unha oportunidade de establecer de novo o contacto con antigas amizades que se perderon de vista durante todos estes anos.

“Queremos lanzar esta convocatoria ao maior número de xente posible, e chegar a todo o alumnado alá onde estea agora mesmo para tentar reencontrarnos todos de novo”, sinalan desde o centro. Para xestionar todo o proceso de reservas creouse un formulario de inscrición en liña na dirección bit.ly/colenigran. Os interesados en asistir poden completar os datos nesa dirección.

Teresa Rabal únese ás felicitacións ao centro

En 1982, alumnado do centro nigranés formou parte do elenco da película rodada no Val Miñor e Baixo Miño “Loca por el Circo”, protagonizada por Teresa Rabal e unha descoñecida María Adanez. O Pazo de Urzáiz reconvertido en escola. Cancións populares como “Veo, Veo”, “Me pongo de pie” foron gravadas neste filme. Os cortes dos vídeo clips circulan hoxe en día por internet e neles quedou inmortalizado para sempre o alumnado do colexio. A actriz e cantante enviou esta semana un saúdo felicitando ao centro polo seu 50 aniversario, sinalando gardar moitos recordos desa rodaxe.

O CEIP Plurilingüe Humberto Juanes de Nigrán

Xeracións de nigraneses pasaron polas súas aulas desde o ano 1973. En marzo de 1972 colocouse a primeira pedra deste centro, recibindo o nome de Colexio Público de Vilameán, reunificando todo o alumnado das antigas escolas unitarias do municipio. O nome do colexio é herdado do que foi o seu director ata a súa xubilación en 1997, o xa falecido mestre, Humberto Juanes. O centro escolar chegou a albergar ata 1200 alumnos. Na década dos 80 construíronse outros centros educativos no municipio que diversificaron o alumnado do centro. Hoxe en día esa cifra alcanza preto de 400 alumnos.