Sin categoría

Música miñorana contra o bullying

Anxo Sotelo e o grupo 42°Norte presentan “Xeración Alpha”. Trátase do seu primeiro single, unha canción composta polo batería baionés Anxo Sotelo, de 11 anos, en colaboración co produtor P Leyenda, gravada e mesturada por Juaqui Fuentes nos estudos Carpintería Rec. en Priegue (Nigrán). A canción fala sobre o bullying, o acoso escolar e a problemática social e persoal que carrexa, presentando unha actitude de denuncia e comunidade fronte a el.

Rock, Punk, Hip Hop e Pop mestúranse nun tema explosivo e pegadizo cunha mensaxe máis necesaria que nunca. Anxo xunto aos seus compañeiros de 42°N Martina, Lucca e Mencía poñen voz a toda unha xeración que está disposta a romper as regras do acoso escolar e o silencio cómplice dunha vez por todas.

A estrea do single, cuxo videoclip foi realizado baixo a dirección de Vicente Pedreira, de Samaín Producións, e gravado no IES Auga da Laxe (Gondomar) será o 2 de maio ás 12:00 horas con motivo do Día Internacional Contra o Bullying. Grazas á coordinación dos concelleiros de Educación dos concellos do Val Miñor, moitos colexios e institutos da zona están a sumarse para retransmitilo desde os seus centros de maneira simultánea baixo o lema #somosmoitosmais.