Nigrán abre o prazo de presentación de ofertas para explotar os quioscos de praia

O Concello de Nigrán abre ata o 6 de maio o prazo de presentación de ofertas para explotar os quioscos de praia este verán, sendo a tempada desde o 1 de xuño ao 30 de setembro. O número de postos e os prezos mantéñense coma nos pasados anos, oscilando desde os 2.500 € de Area Fofa ou Madorra aos 24.000 € de Praia América.

A convocatoria foi publicada no BOPPO número 77 do venres 19 de abril. En total, o Concello oferta 7 quioscos de venda de xeados, refrescos e alimentos (2 en Patos, 1 en Area Fofa, 1 na Madorra, 1 en Panxón e 2 en Praia América) e un de venda de churros en Praia América.

Os interesados poden presentar as súas ofertas no Rexistro Xeral do Concello, estando as bases publicadas na sede electrónica da web municipal (anuncio do 12 de abril) ou impresas na Oficina de Información Cidadá.