Alumnado de Manchester no CPI Arquitecto Palacios e CEIP Mallón participa nunha xornada de reforestación

O Concello de Nigrán ofreceu esta mañá unha xornada de reforestación no parque forestal Os Matos-Río Táboas ao alumnado do CPI Arquitecto Palacios de Panxón e CEIP de Mallón coincidindo coa presencia de 26 estudantes de Manchester en ambos os dous centros educativos. En total, o grupo composto por 70 nenos e profesorado plantou 80 árbores (cerdeiras, serbal dos cazadores, bidueiras, carballos e pradairos) asesorados pola Brigada Forestal Municipal e dúas brigadas de Medio Rural (de Tebra e Bembrive) xunto a motobomba de Peinador e un axente forestal.

O CPI Arquitecto Palacios e o CEIP Mallón realizan o intercambio con alumnado de 5° e 6° Primaria da escola inglesa RC St. Catherine’s Primary School, do barrio de Didsbury, en Manchester (O CEIP Humberto Juanes tamén mantén intercambio con Manchester desde hai 19 anos, pero con diferentes centros educativos). Neste caso, dende 2008 e 2013 respectivamente viaxaron máis de 500 estudantes e recibiron a preto de 1.000. Este ano viñeron 26 nenos e nenas de quinto de Primaria cos seus respectivos adultos e 4 profesores para pasar unha semana que remata mañá, 23 de abril, cunha despedida no Auditorio Municipal.