50 veleiros de España e Portugal disputáronse este sábado nas Rías Baixas o Trofeo CdeC, a primeira das cinco regatas de vela pesada que o Monte Real Club de Yates ten programadas para este 2024. Co patrocinio do Grupo CdeC e Amura Sport, o MRCYB puxo en xogo a competición con dous percorridos diferentes, un máis longo entre Combarro e Baiona, e outro máis curto entre Vigo e Baiona.
Esa era a previsión inicial e con esa idea deuse saída a ambas as dúas frotas, pero finalmente o Comité de Regata, ante o escaso vento nalgunhas zonas e co obxectivo de que todos os barcos puidesen acabar as probas sen problema, decidiu acurtar percorrido. Non os meteu no interior da baía baionesa como se pensou nun principio, e colocou a chegada da frota de Vigo na baliza de La Negra, entre as illas Cíes e as Estelas; e o final do percorrido de Combarro á altura do illote de Viños, nas illas Cíes.
Foron en total 15,3 millas para a frota de Combarro e 8,8 para os barcos que navegaban desde Vigo, un percorrido que as tripulacións fixeron nunha preciosa xornada de sol con vento maioritariamente do suroeste, aínda que con roles, dunha media de seis nós.
O Aceites Abril, armado por irmáns Pérez Canal e lucindo grímpola do Real Club Náutico de Vigo foi o máis rápido en cruzar a liña de chegada. Partiu de Vigo ás 14:05 e cruzou chegada ás 15:36, apenas hora e media despois. Recibiu o premio ao gañador en tempo real, do mesmo xeito que o Narval de José Antonio Portas (CN Vilagarcía) que foi o primeiro en cruzar a chegada de entre os veleiros da frota de Combarro tras saír do porto pontevedrés ás 12:05 e empregar pouco máis de 5 horas en chegar a Viños.
Foron dous premios honoríficos xa que os trofeos da competición outorgáronse tras compensar os tempos en base ás particularidades específicas de cada embarcación e do tempo empregado na navegación, quedando as clasificacións tal que así:
ORC 1-2-3
Na clase ORC 1-2-3, o podio repartíronllo barcos de Vigo e Baiona. O Aceites Abril dos irmáns Luis e Jorge Pérez Canal, que foi o máis rápido en completar o percorrido, logrou impoñerse tamén tras a compensación de tempos. O seu compañeiro de club, o Magical de Andrés Gómez, que lle seguiu o ronsel durante boa parte do percorrido, quedou sen trofeo ao cometer un fóra de liña na saída. A prata e o bronce da competición leváronllas o Bon III de Víctor Carrión (CN Punta Lagoa) e do Yess Too do MRCYB, armado e patroneado polo portugués Rui Ramada.
ORC 4
O Deep Blue 2.1 de Vicente Cid, que selou a tempada de 2023 con grandes resultados nas regatas de Baiona, empeza a de 2024 con moi bo pé tras proclamarse vencedor da clase ORC 4. O barco do Real Club Náutico de Vigo impúxose na regata sobre La Burla Negra de Juan José Martínez, do Club Náutico Castrelo de Miño, que se subiu ao segundo caixón; e o John ‘n Jack de Jean Claude Sarrade, que quedou terceiro lucindo grímpola do Monte Real.
ORC 5
En ORC 5 tamén houbo repartición de clubs nos banzos do podio. No máis alto, co ouro do Trofeo CdeC, colocouse o Nahela de Víctor Álvarez, do Club Deportivo Alagua. Lle acompañaron no podio o Albarellos de Fernando Rey Albarellos, do MRCYB e o Esquío de Alejandro Castro, do Liceo Marítimo de Bouzas.
J80
Na competición en tempo real dos J80, o vencedor da competición foi o Solventis Ribadeo de Malalo Bermúdez de Castro, que remontou posicións ao longo do percorrido ata cruzar primeiro a liña de chegada. O coñecido regatista venceu levando só dous tripulantes a bordo, as súas dúas fillas, de 12 e 13 anos. O Due de Rafael Blanco, tamén do Monte Real Club de Yates, quedou segundo; e o Alboroto de Javier Aguado, que saíu á auga con moitas opcións tras un gran inicio de tempada cunha vitoria na Liga de Inverno, acabou terceiro.
FÍGARO
Os seis Fígaros da Escola de Vela do Monte Real Club de Yates tamén participaron no Trofeo CdeC. O mellor foi o Erizana de David González, que levou o ouro da regata, deixando a prata e o bronce para o Silleiro de José Miguel Rocha e o Serralleiras de Juan Manuel Terrones respectivamente.
REGATA COMBARRO – BAIONA
Na outra regata da competición, entre Combarro e Baiona, que finalmente quedou entre Combarro e o illote de Viños, nas illas Cíes, a tripulación do Balea Dos, liderada por Luis Pérez, colocou a grímpola do Real Club Náutico de Rodeira no máis alto do podio. A segunda posición foi para o Ronáuticas Marinas de Jorge Carneiro (CN San Telmo); e o Vagalume de Luis Vidal, que correu como independente, quedou terceiro.
LIGA DE INVERNO CÍES RANDE
O Trofeo CDEC foi tamén punto e final da entrega de premios da Liga de Inverno Cíes-Rande, que organizou de maneira simultánea o Monte Real Club de Yates. Este último trazado serviu para conformar os tres podios do ORC e o Solitarios e A Dous, de tal maneira que na División dos 2-3 gañou o John´n Jack, de Jean Claude-Sarrade, do Club de Yates. En 4-5 o vencedor foi o Esquío, de Alejandro Castro, do Liceo Marítimo de Bouzas. E en Solitarios e A Dous, o triunfador foi o Bonaventure, de José Luís Ríos e María Jesús Montes, do Real Club Náutico de Vigo. O premio da Agrupación industrial Náutica Ría de Vigo ao mellor club levoullo o Monte Real.
O PUNTO E FINAL COA ENTREGA DE PREMIOS
Tras finalizar ambos os dous percorridos e todos os barcos cruzaron a liña de chegada, os pantaláns do Monte Real Club de Yates convertéronse en destino final da frota, que amarrou no club baionés para participar na entrega de premios aos gañadores e nun petisco posterior ofrecido pola organización.
A entrega de trofeos estivo encabezada polo presidente do MRCYB, José Luis Álvarez; e o CEO do Grupo CdeC, Carlos Calo, patrocinador do evento. Tamén asistiron representantes das administracións local, provincial e autonómica. Por parte do concello estivo a concelleira de Turismo en Baiona, Sheila González; a Deputación de Pontevedra estivo representada pola súa vicepresidenta, Luisa Sánchez; e a Xunta de Galicia polo xefe provincial de deportes de Pontevedra, Daniel Benavides.
A PRÓXIMA CITA: O TROFEO REPSOL
Tras inaugurar a tempada de cruceiro co Trofeo CdeC, o Monte Real Club de Yates presentará oficialmente o martes da próxima semana a súa próxima competición: o Trofeo Repsol. A clásica Regata de Primavera do club baionés cumpre este 2024 a súa cuadraxésimo sexta edición con algunha novidade con respecto ao 2023 que se dará a coñecer en rolda de prensa.





