Sin categoría

Nigrán celebra o Día do Libro coa ruta literaria “A praia dos afogados” e un contacontos

O Concello de Nigrán celebra este martes 23 de abril o Día do Libro con senllas actividades: o roteiro literario “A praia dos afogados” e o contacontos “Escola de Dragóns” na Biblioteca Municipal. A maiores, o sábado 27 de abril ofrecerá durante todo o día unha feira do libro de carácter local na Praza do Concello da que se anunciará o cartaz coas actividades a vindeira semana.

O roteiro literario sobre a novela de Domingo Villar “A praia dos afogados” partirá da praia da Madorra ás 17:00 horas e terá unha duración de 3 horas, con dificultade alta, e na que os participantes percorrerán os principais lugares da novela ambientada en Panxón ao tempo que len pasaxes sobre a mesma, de xeito que resulte do máis interactiva. A inscrición está limitada a 30 persoas e debe facerse a través do mail oficinaturismo@nigran.org indicando nome completo, teléfono, DNI e lugar de residencia.

Igualmente, tamén o propio día 23 de abril ás 18:00 horas terá lugar na Biblioteca Municipal de Nigrán (Praza de Fornes s/n) o contacontos “Escola de Dragóns” a cargo de Donde viven los cuentos. A entrada é de balde ata completar o aforo, polo que non é preciso inscribirse previamente. Trátase dun conto interactivo e participativo no que os nenos acompañan a Zog na Escola de Dragóns. Todos xuntos aprenderán a comportarse como auténticos dragóns e a superar cada unha das probas expostas pola señorita Dragón. Polo camiño, coñecerán a unha rapaza que non quere ser princesa, o seu soño é ser doutora, axudaralle Zog a conseguir o seu soño ou a secuestrará nunha torre como ás princesas?

Esta actividade significa o punto de partida do programa de promoción da lectura “Ler conta moito” que inclúe o contacontos “A orixe”, de Raquel Queizás, o 14 de maio (18:00 horas); o sábado 18 de maio (12:00 horas) “Cxntos animalados”, de Xermola; o xoves 16 de maio (18:00 h), “Contamos en igualdade”, Eduvía; o mércores 25 de setembro (18:00 h) “O xogo de Nano”, Raquel Queizás; e o mércores 23 de outubro (18:00 h) “Na túa man”, de Raquel Queizás.