Despedida da última promoción de estudantes de Medicina no Álvaro Cunqueiro

O Hospital Álvaro Cunqueiro acolleu hoxe o acto de fin de curso para un total de 102 estudantes de sexto da Facultade de Medicina que cursaron os seus estudos de último ano de grao na Área Sanitaria de Vigo.

As e os estudantes de Medicina realizan o seu último ano destinados nun hospital, cun curso práctico no que se lles imparte un programa docente baseado na rotación por diferentes especialidades médicas e cirúrxicas. En total, traballan sete materias: clínica médica, clínica cirúrxica, urxencias e servizos centrais, clínica obstétrica e xinecolóxica, clínica pediátrica, clínica psiquiátrica, e medicina familiar e comunitaria. Durante este período lectivo, os alumnos desenvolven un horario de 8.00 a 15.00 horas, aínda que tamén realizan gardas.

Durante este ano académico, impartiron docencia 28 profesores asociados, contándose, así mesmo, con máis de 700 colaboradores docentes que participaron nesta formación.

O xerente da Área Sanitaria viguesa, Javier Puente Prieto, que presidiu o acto, xunto coa coordinadora de Docencia de Grao, Ana Concheiro; felicitou ás e aos estudantes, puxo en valor o firme compromiso de Vigo coa Docencia clínica e agradeceu ao colectivo de colaboradores docentes e de profesores asociados o esforzo e dedicación á formación dos futuros médicos.

Desde o ano 2014, no que se recibiu aos primeiros alumnos de 6º de medicina (once) ata a actualidade, formáronse a uns 900 estudantes na práctica clínica.