O Partido Popular de Nigrán, a través da súa portavoz municipal María José Pino, denuncia “o nefasto” estado de limpeza e mantemento das praias e paseos do municipio. Nigrán é un municipio cun importantísimo peso do sector servizos, no que o turismo xoga un papel fundamental para a economía de numerosos veciños e veciñas. Debido a isto, o Grupo Municipal Popular manifesta a súa incredulidade ante a actual situación de abandono das praias, paseos e sendas do municipio, “nos cales prima a absoluta falta de mantemento e limpeza por parte do Concello”. “Esta situación vén sendo norma durante os últimos anos, especialmente nos meses fóra da tempada estival, aínda que a tendencia agrávase ano tras ano ante o deixamento mostrado pola corporación socialista”.
Durante estas primeiras semanas de abril, Nigrán recibiu a un gran número de visitantes que, animados polo bo tempo e as altas temperaturas escolleron o municipio como destino de lecer. Do mesmo xeito, numerosos veciños e veciñas achegáronse á zona de praias a gozar deses días. “Con todo, o deficiente estado da zona foi amplamente criticado polos visitantes: papeleiras desbordadas e lixo polas beirarrúas, paseos e sendas coa vexetación completamente desbocada, sucidade e restos arrastrados polo mar nas praias, etc”.
Pino lembra que o tan repetido slogan municipal “Nigrán, Equilibrio Natural” ten que vir asociado a feitos concretos, e non só a anuncios nos medios de comunicación. A portavoz municipal popular considera claramente demagogo o suposto ecoloxismo mostrado polo alcalde Juan González, “xa que choca frontalmente coa realidade da súa xestión no mantemento dos espazos naturais do municipio, os cales só lle interesan para publicitarse nos medios cando hai intereses electorais en xogo, como o recente caso dos pellets, do cal, curiosamente, nada se volveu a saber tras a celebración das eleccións autonómicas”.




