O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, estivo hoxe cos profesionais, usuarios e familiares do centro de día público para persoas maiores. Esta visita coincidiu coa celebración do décimo segundo aniversario deste servizo, á que tamén acudiu o alcalde do concello, Jesús Vázquez Almuiña.
Perfecto Rodríguez destacou a calidade da atención que se presta neste centro de atención diúrna, ao que acoden diariamente unha trintena de maiores de Baiona Nigrán e Gondomar, concellos que forman a Mancomunidade do Val Miñor. Así mesmo, recordou que hai dous anos a Xunta ampliou a capacidade deste servizo para poder atender agora ata un máximo de 40 usuarios.
O xerente tamén lembrou que recentemente se destinaron 30.000 euros para dotar ao centro de equipos de aire acondicionado para mellorar a súa climatización no verán.
Exposición e vídeo
Con motivo da celebración deste aniversario inaugurouse no centro unha exposición e proxectouse un vídeo sobre as diferentes historias laborais dos seus usuarios. Así mesmo, entregáronse agasallos e o festexo rematou cunha actuación musical.

