O alumnado da Escola Municipal de Teatro do Concello de Nigrán puido gozar onte da representación en Santiago da obra “Os actos e as profecías”, do Centro Dramático Galego. A iniciativa, á que se apuntaron 50 persoas inscritas nesta actividade municipal dirixida por Teatro do Ar, realizouse a través do programa “Sobes ao autobús do teatro?”, do Centro Dramático Galego, e que consiste en que dispoñen do transporte gratuíto mentres que os asistentes abonan 3 € pola función.
“É unha oportunidade que quixemos aproveitar precisamente para o noso alumnado, que poderá aprecialo xa desde un punto de vista tamén profesional”, explica o alcalde, Juan González, quen acudiu coa “delegación” nigranesa a esta función no Salón Teatro.
“Os actos e as profecías” é o espectáculo central da programación do 40º aniversario do Centro Dramático Galego e estará en cartel ata o 26 de maio. A montaxe, xestada ao abeiro do proxecto europeo Phōnē, está dirixida por Tamara Canosa e conta cun elenco de 20 intérpretes. Nel invéntase todo un universo arredor dos “talent shows” como espazo de xogo para lanzar ao aire cuestións como o lugar público na creación actual, a fama, a competitividade e as decisións vitais marcadas pola procura do éxito.

