Sin categoría

Baiona renuncia a 2 millóns de fondos europeos “pola mala xestión do anterior equipo de goberno”

O Concello de Baiona vese obrigado a renunciar “pola mala xestión dos fondos por parte do anterior equipo de goberno” a 2 millóns de euros de fondos europeos para o desenvolvemento do Plan de Sustentabilidade Turística de Baiona. O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo concedeu no ano 2021 esta subvención de fondos europeos Next Generation ao Concello de Baiona.

O PSTD “Descobre Baiona” englobaba dez actuacións entre as que estaba a humanización do Paseo Pinzón, posteriormente cambiouse esta obra pola humanización de Santa Liberata. Desde o ano 2021 ata a data de cambio do goberno municipal, xuño de 2023, soamente iniciouse o proxecto desta obra sen chegar a ser licitado. O resto de actuacións descritas non foron desenvolvidas. Varias delas non tiñan proxecto pero tampouco autorización dos propietarios dos terreos, como ocorría na adecuación de sendas do rural ou tamén na sinalización dos roteiros de sendeirismo, BTT e trail xa que transcorrían por terreos de comunidades de montes. Outra das actuacións, tratábase dun aparcamento disuasorio que foi situado en dúas parcelas, unha municipal onde hai un parque infantil nestes momentos, e outra parcela privada con posibilidade de construír nela. Para poder facer esta actuación sería necesaria unha modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal e unha expropiación da parcela privada, co que se multiplicaría o orzamento necesario para esta actuación, sendo inviable administrativa e economicamente para cumprir os prazos.

O actual equipo de goberno desde que chegou á administración local constituíu o comité anti fraude e aprobou o plan anti fraude, trámites imprescindibles para recibir fondos europeos. Así mesmo, avaliou as actividades expostas polo anterior equipo de goberno e fixo unha proposta á Comisión Bilateral do Ministerio e á Axencia de Turismo de Galicia na que se tratou de realizar proxectos que fosen viables en prazo e supuxesen unha mellora das condicións turísticas de Baiona.

A finais do mes de xaneiro recibiuse a contestación desta comisión que denega a reformulación presentada polo Concello. O informe conxunto de secretaría e intervención do Concello de Baiona analizou a viabilidade do desenvolvemento e concluíu que se consideraba inviable o prazo estimado para rematar todos os proxectos, polo que a alcaldía fixo unha solicitude de renuncia ante a administración pertinente.

O Concello de Baiona quere aclarar que non se pode facer unha renuncia parcial e, en caso de non cumprir cos prazos nalgún dos proxectos, débese devolver todo o diñeiro. “Para o actual equipo de goberno do Concello de Baiona foi unha decisión dolorosa por non poder utilizar uns fondos que supoñerían unha mellora na calidade de vida dos veciños e veciñas de Baiona, pero por sentido de responsabilidade tivemos que dar este paso para evitar danos importantes na economía do noso concello”, destaca o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña.

O rexedor finaliza sinalando que “este equipo de goberno comprométese a buscar financiamento para realizar todos, ou gran parte, destes proxectos, onde destacamos especialmente a humanización de Santa Liberta no menor tempo posible”.