Este próximo sábado 13 e domingo 14 celébrase na Praia de Patos (Nigrán) a XXI Edición do Trofeo Nigrán da Liga Galega de Surf Kids e Júnior na que competirán todas as categorías femininas e masculinas de Sub 21, Sub 18, Sub 16, Sub 14, Sub 12 e Sub 10 Mixto. A Federación Galega de Surf, coorganizadora da proba xunto a Prado Surf Escola e o Concello de Nigrán, deu o pasado martes o visto e prace á celebración desta proba na que competirán novos riders de toda Galicia. O parte de ondas prognostican boas ondas para o sábado temperán e a última hora da tarde, xornada na que competirán os Júniores (sub 21/18/16) e condicións máis amables o domingo pola mañá para a categoría Kids (sub 14/12/10). Á proba asistirán deportistas dos equipos dos clubs máis importantes de toda Galicia acompañados dos seus técnicos e familiares, ademais as altas temperaturas case estivais desta fin de semana aseguran un ambiente festivo no areal de Patos.
Case 120 surfeiros do novo zume do surf galego farán brillar o escenario idílico da praia de Patos coas súas manobras e acrobacias sobre a táboa. Á entrega de premios asistirán o alcalde de Nigrán, Juan González, e a concelleira de Deportes, Sara Penedo. O sábado despois da entrega de premios haberá festa de celebración en El Monopatín (Rúa Tomás Mirambell, 101, 36340 Nigrán).
A 1ª Etapa de Liga Galega de Surf Júniors e Kids está organizada pola Federación Galega de Surf e Bodyboard, Prado Surf Escola e o Concello de Nigrán. Ademais, a proba conta co apoio dos patrocinadores Alumisel, Agua Sana e coa colaboración especial de Mission Surf Shop, Noetta Shop. Idden Store, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e Deporte Galego.

