A Fundación Provincial Banco de Alimentos necesita mobilizar 25 voluntarios para poder desenvolver con éxito o Maio Solidario no supermercado Gadis da Ramallosa. Aínda que a campaña liderada un ano máis por Gadis se levará a cabo durante todo o mes de maio, a Fundación Provincial Banco de Alimentos elixiu a primeira fin de semana, o 3 e 4 de maio, para reforzala coa presenza física da súa marea azul.
Para participar nesta nova edición do Maio Solidario e converterse en voluntario da ONG só requírense 4 horas dispoñibles, considerarse unha persoa empática coa realidade social máis próxima e darse de alta a través da web: http://www.bancoalimentosvigo.org.
Ademais de na comarca de Val Miñor, haberá voluntarios perfectamente identificados cos seus petos azuis tamén en Vigo, Mos, Ponteareas, Tui, Pontevedra, Marín, Bueu, Vilagarcía, Cambados e Lalín. A nivel provincial, o Banco de Alimentos mobilizará a máis 600 persoas que estarán a facilitar as doazóns nunha trintena de establecementos.
Doazón mixta
O formato desta próxima edición do Maio Solidario volverá ser mixto, é dicir, as persoas que queiran achegar o seu gran de area poderá facelo a través de doazóns de alimentos físicos ou/e achegas económicas ao pasar por caixa. En canto ás doazóns dinerarias depositadas en caixa, Gadis abrirá un saldo a favor do Banco de Alimentos que será trocado por produtos de primeira necesidade, durante os próximos meses.
Durante o Maio Solidario de 2023, recadáronse máis de 42.000 quilos de alimentos a nivel provincial, despois de contabilizar toda a comida física entregada a pé de supermercado, así como, as doazóns dinerarias de clientes e a achega tamén da propia cadea de alimentación.
A Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu máis de 1,9 millóns de quilos alimentos durante 2023. Con carácter apolítico e aconfesional, na actualidade atende a máis 20.000 persoas en situación de vulnerabilidade da provincia ás que chega a través de máis 150 ONG e entidades homologadas coas que traballa.

