O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, acompañado da concelleira de Deportes Nuria Lameiro, reuniuse onte con membros da directiva do Gondomar C.F. e trasladoulles o inicio dos trámites necesarios para realizar unha reforma integral no Campo de Fútbol Municipal de As Gaiandas, e que será financiada na súa totalidade con fondos municipais procedentes de remanente de tesourería. O goberno local levará a aprobación deste proxecto ao pleno ordinario deste mes de abril que se celebrará o xoves 18, e no caso de que a proposta obteña os votos a favor da maioría do pleno, as obras iniciaranse de forma inmediata, previsiblemente no mes de xullo, e terán unha duración estimada de dous meses e medio.
Trátase dunha demanda histórica dos usuarios desta instalación municipal, e permitirá un uso máis intensivo dun campo deportivo que actualmente utilizan máis de 200 deportistas, principalmente do fútbol base, e que con esta reforma permitiría aumentar ese número de usuarios sen afectar a calidade do terreo de xogo. A reforma consistirá na retirada do actual céspede natural, a mellora de toda a drenaxe, a instalación dun novo sistema de rego automático e a colocación de céspede artificial de última xeración.
O alcalde Paco Ferreira destacou “o esforzo, e a aposta decidida que fai este goberno por apoiar ao deporte base coa mellora constante de todas as instalacións deportivas, como esta propia reforma dun campo que levaba anos precisando dunha actuación integral como esta e que podemos afrontar ao ter remanentes de tesourería froito dunha xestión económica exemplar”.
O rexedor local quixo salientar tamén que “dende a nosa chegada ao goberno o deporte en xeral e sobre todo o deporte de base é unha das prioridades da nosa acción de goberno, coa apertura de novas instalacións como o skatepark que proximamente contará cun sistema de iluminación, a mellora doutras existentes como no caso dos pavillóns municipais, a instalación de céspede artificial no Campo de As Cercas cun investimento municipal superior aos 200.000 euros, a reforma do Campo de A Feira ou a dotación ás pistas de tenis municipais de iluminación, que permitirá ampliar o seu horario de uso. Todas estas e outras moitas accións dende este goberno local demostran que a nosa aposta polo deporte é firme e así o seguirá a ser”.

