A Liga de Inverno Baitra J80 resólvese este sábado en Baiona

Tras catro xornadas e sete mangas disputadas, a Liga de Inverno Baitra J80 resolverase este sábado en Baiona coa celebración das tres últimas probas e a entrega de premios aos gañadores.

A competición que desde hai anos organiza o Monte Real Club de Yates co patrocinio de Baitra Accesorios Navales chega ao seu final co Alboroto de Javier Aguado na cabeza con 11 puntos e a vitoria practicamente asegurada. Salvo sorpresas de última hora, os de Aguado colgaranse os loureiros tras selar un gran campionato, cunha gran regularidade e moi bos parciais.

Máis disputados estarán a prata e o bronce do trofeo, que poderían recaer nos tres barcos actualmente situados en segunda, terceira e cuarta posición. Son o Picacho de Miguel Viejo, o Solventis de Malalo Bermúdez de Castro e o Cansino de Alejandra Suárez. Agrupados nun pano de apenas 7 puntos de separación, con 19, 25 e 26 puntos respectivamente, non está aínda definido quen lograrán subirse ao podio e quen quedará fóra da tríada gañadora.

Serán as tres últimas probas a disputar, este sábado a partir das tres da tarde na baía de Baiona, as que selarán os resultados finais nunha xornada na que o vento poñerá o punto de emoción aos percorridos, soprando por encima dos 18 nós e podendo chegar ata os 30, nun día gris, de moita nebulosidade no que, en principio, non choverá.

Unha vez finalicen as probas na auga, o comité de regata mandará á frota de J80 a terra para celebrar a entrega de premios aos gañadores. Será ás sete da tarde nas instalacións do Monte Real Club de Yates e a ela asistirán o presidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez; e o director xeral de Baitra Accesorios Navales, Juan Carlos González, patrocinador da competición. Tamén está prevista a asistencia do alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña; e os concelleiros de Deportes e Actividades Marítimas, Ana María Iglesias e Joaquín López.