Sin categoría

O bispo presidirá a eucaristía no 450 aniversario da Santa Casa de Misericordia de Baiona

O venres 5 de abril, ás 18:00 horas, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Luis Quinteiro Fiuza, presidirá a eucaristía na Capela da Misericordia en Baiona, para celebrar o 450 aniversario da Irmandade da Santa Casa de Paz e Misericordia da vila, converténdose así nunha das irmandades con máis longa traxectoria e tradición en Galicia. Paco Núñez, secretario da Irmandade, explica que se trata de “un momento de enorme responsabilidade e un punto de inflexión, xa que pon en valor o traballo que durante moitísimos anos a Irmandade realizou de forma altruísta e con moitísima ilusión”.

A Irmandade da Santa Casa de Paz e Misericordia de Baiona nace, por iniciativa de personalidades relevantes da época, para liquidar problemas de carácter social daquel momento e de toda a historia, poñendo así en práctica as obras de misericordia que establece a Igrexa católica -en total destácanse 14 accións caritativas ou modos de axudar ao próximo-, entre elas atender ao enfermo, dar para comer ao famento e, en especial en ocasións, enterrar aos defuntos.

Na actualidade, a Irmandade da Santa Casa de Paz e Misericordia de Baiona está formada por 1.438 irmáns que colaboran de forma desinteresada nas diferentes tarefas e un cabido composto por 14 membros que, desde hai 13 anos, xestionan a irmandade. Tal e como explica Paco Núñez, “a Irmandade participa moi activamente en moitos aspectos da vida baionesa”, mediante a preparación dos pasos da Semana Santa ou a elaboración das alfombras e do altar da celebración do Corpus Christi. De maneira especial, Núñez destaca, con moito orgullo, o labor que realizan, desde hai 450 anos, de dar sepultura aos defuntos.