Anuncios
Ticker de novas

Os alumnos de Valmiemprega III deseñarán a felicitación de Nadal do Concello de Gondomar

Dentro das actividades que desempeñarán os alumnos do Obradoiro de Emprego Valmiemprega III Deseño Gráfico, estará a elaboración da postal de Nadal coa que o Concello de Gondomar felicitará estas festas non só aos seus veciños e veciñas, senón tamén ao resto das administracións, organismos e asociacións culturais e deportivas.

Ao longo da próxima semana traballarán en ideas para realizar dita postal, a intención non só é felicitar o Nadal, senón tamén promocionar a imaxe desta vila, xa que a temática da mesma, terá que estar relacionada non só con esta festividade, senón tamén con motivos relevantes a destacar dentro do ámbito turístico do municipio.

O persoal docente xunto co Alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, serán os encargados de elixir a felicitación do Nadal definitiva de entre as distintas propostas que presenten os alumnos.

Isto só é o inicio dun traballo que pretende que poida ser revertido en beneficio de toda a poboación e dar utilidade ás actividades de formación que levan adiante neste Obradoiro. Por iso, ao longo destes meses, tamén se marcaron como obxectivos a elaboración da cartelería de festas patronais, a axenda cultural, e cartelería de diversas actividades que se desenvolverán ao longo do ano 2019.

Anuncios