O Concello de Nigrán ofrece a partir deste mes un servizo gratuíto destinado a potenciar a comunicación dixital das pequenas e medianas empresas do municipio. Esta iniciativa piloto nace co obxectivo de ofrecer orientación dixital para que aprendan a usar ferramentas como redes sociais, fotografía e vídeo desde o smartphone etc. O servizo, con citas individualizadas atendidas no Centro Antena de Nigrán (Otero Pedrayo, 52), será dirixido por Bárbara Calvo, freelance de Nigrán especializada na xestión de redes sociais e creación de contido audiovisual. Coa súa experiencia e coñecementos, Bárbara proporcionará un asesoramento personalizado e seguimento continuo a cada participante elaborando un plan de acción adaptable a cadansúas necesidades.
O programa piloto levarase a cabo de xeito flexible durante tres meses, desde abril a xuño, coa posibilidade de estenderse despois da tempada estival. Cada empresa contará cunha asignación de horas, garantindo así un soporte completo e unha atención individualizada. A inscrición ao programa está aberta e realízase a través dun sinxelo formulario pendurado en http://www.nigran.es.
Anteriormente, nesta liña de dixitalización, ofrecérase en maio do ano pasado un curso semipresencial con 35 empresas da contorna da Ramallosa. “Foi un curso que os propios comerciantes nos pediran e agora repetimos de maneira totalmente individualizada porque cremos que se lle pode sacar un maior partido aínda”, considera o alcalde, Juan González, quen encadra esta iniciativa na campaña municipal #VivoEnNigránComproEnNigrán e #EuSonDeMercarEnNigrán. “Impartiremos toda a formación que sexa precisa porque o investimento é pequeno e, en cambio, o rédito é moi alto”, explica.
“As redes sociais son un espazo aberto ao mundo as 24 horas do día no que podes dar a coñecer a túa marca e captar e fidelizar clientes se aplicas as técnicas axeitadas”, considera Bárbara. Neste sentido, e enfocado a un sector concreto, cómpre destacar que o Concello de Nigrán, na súa aposta por posicionarse como destino de calidade internacional mellorando a atención ao peregrino e ao turismo estranxeiro, ofreceu tamén no 2022 un curso gratuíto de inglés para que as persoas que traballan en establecementos de restauración adquirisen unhas competencias mínimas e, adicionalmente, aumentasen a visibilidade do negocio en redes elaborando un vídeo e dous post, ademais de traducir a carta.

