O Concello de Gondomar presentou esta mañá, e dentro do seu Ciclo de Teatro de Primavera, as obras que chegarán ás táboas do Auditorio Municipal Lois Tobío durante o mes de abril. A primeira parada deste ciclo será o domingo día 7 ás 19:00 horas, e correrá a cargo de A Vela Circo, que se achegará a Gondomar a súa obra “O Último que Apague a Luz”. Desde o humor e o novo circo, este espectáculo toma como punto de partida o universo creado por dous personaxes vestidos de noivos. Ela pregúntase mentres se come o ramo de flores: é a voda unha metáfora do noso mundo? Mentres el, abrindo os agasallos de voda, non sabe se o que máis lle gusta é o papel de agasallo, uns pratos ou unha curiosa gravata que lle regalaron. Este espectáculo, esta cerimonia, quere ser un momento de humor e de reflexión. Preguntándonos sobre os roles de xénero, as novas tradicións: o puro para os homes e o lanzamento olímpico de ramo para as mulleres, e se o amor é un acto de rebeldía, se a pesar das normas sociais o amor é un paso do azar ao destino. A través do corpo e o movemento utilizando o circo como linguaxe innovadora. Neste espectáculo como en toda gran voda, mestúranse o clown, manipulación de obxectos (e non estamos a falar dos sogros), equilibrios sobre torta, malabares entre veos e gravatas e unha gran sorpresa final… Todos estes elementos conxúganse na procura dun circo de metáfora e ritmo. Un circo do absurdo, o caos e a poesía do noso tempo.
A segunda parada, o domingo 14 a partir das 19:00 horas, nos achegará á maxia da Maga Fani e Martín Camiña co seu show “Trapalladas Ben Feitas por 2 Ilusionistas”. Trapalladas e sorpresas a dúo desde outra dimensión. A arte da transformación da realidade contada dunha maneira visual moi especial: cachifallos e chilindradas máxicas, sumado a gargalladas de combustible, desembocan en 2 ilusionistas con moito aquel. Espectáculo de maxia, humor e participación da concorrencia composto para mirar coas orellas moi abertas.
Unha semana despois, o domingo 21 e tamén ás 19:00 horas será a quenda da compañía Tanxarina, que nos traerá o universo máxico e circense de “Titiricircus”. Un recordo ensoñador e festivo do gran circo de carpa alta e bicolor: a historia de dous vellos traballadores daquel circo que lembran agora con marionetas de fíos as glorias do seu pasado na pista. Nun permanente xogo participativo que o público, van aparecendo os números máis importantes daquel vello circo xa desaparecido: o home máis forte da Península Ibérica; o malabarista máis divertido e bailadeiro do mundo….
Para rematar este mes de teatro, o domingo 28 a partir das 19:00 horas será a quenda dos Monchos, Peter Punk e Brais das Hortas co seu “Concerto Punkinfantil”. O Concerto PunkInfantil é a nova tolemia de Brais das Hortas e Peter Punk Pallaso. Unha proposta a medio camiño entre un espectáculo teatral e un musical. O novo espectáculo de Brais das Hortas e Peter Punk Pallaso flúe empregando a música como fío condutor, onde a técnica musical e a técnica teatral combínanse abríndoas cara a novos estilos e públicos. Un espectáculo musical e de clown para todos os públicos. Dous músicos que chegan por equivocación a un mesmo escenario coa intención de ofrecer un concerto. O primeiro, un concerto infantil. O segundo, un concerto punk. Tras descubrirse e recoñecerse van confluíndo, progresivamente, nun espazo común: un Concerto PunkInfantil.
O prezo das entradas para cada unha das obras é de unicamente 2,50 euros e estarán dispoñibles a partir do luns 1 de abril na taquilla electrónica do Concello de Gondomar: taquilla.concellodegondomar.gal.
Paco Ferreira, alcalde de Gondomar, destacou “a aposta decidida que polas artes escénicas e pola cultura se fai desde este Concello, e neste caso nun ciclo que ten como obxectivos ofrecer un espazo de lecer para as familias nas tardes do domingo, e ademais achegar a cultura en xeral e as artes escénicas en particular aos máis pequenos da casa”. O rexedor local indicou que nas próximas semanas anunciaranse as obras teatrais que se representarán dentro deste ciclo durante o mes de maio.

