O Concello de Nigrán ofrece o domingo 7 de abril unha xornada gratuíta de sendeirismo de 6 km polas aldeas do Xisto (Serra de Lousa, centro de Portugal). A dificultade do roteiro é alta, polo que é necesario estar en boas condicións físicas. Os interesados en participar teñen de prazo para anotarse o 26 e 27 de marzo na Oficina de Turismo de Panxón de 9:00 a 14:00 horas, tendo prioridade os empadroados no municipio e distribuíndose as prazas por orde de inscrición.
O Concello dispoñerá dun autobús, debendo levar cada un a súa propia bolsa co picnic para xantar de campo, así como auga. Dada a natureza desta excursión, é imprescindible acudir debidamente equipado, con roupa cómoda e zapato axeitado. Os asistentes percorrerán os sendeiros das aldeas do Xisto na Serra da Lousa, un dos conxuntos turísticos máis singulares do país, coa súa arquitectura a base de pedra de lousa (“xisto”) e con gran atractivo para os amantes da natureza.

