A Liga de Inverno Baitra J80 segue no aire tras a celebración, este sábado en Baiona, da penúltima xornada de competición. A falta dunha única fase de probas, os resultados das tres mangas disputadas na baía baionesa non achegaron conclusións definitivas e haberá que esperar á última xornada para revelar o podio gañador. O Alboroto liderado por Javier Aguado é o equipo con máis papeletas para colgarse os loureiros de campión ao manterse un día máis en primeira posición, con 11 puntos.
Os seus parciais non deixan lugar a dúbida. Son brillantes. Aguado xunto con Javier Lago, Juan José Lago e Ramón Ojea chegaron a esta penúltima xornada con tres primeiros postos e un sexto; e os dous terceiros e un segundo que asinaron este sábado convértenlles nos principais candidatos á vitoria final. Ademais, a aplicación dun descarte permitiulles eliminar da táboa o seu peor resultado (un sexto posto), e iso aumentou a distancia con respecto aos seus rivais máis directos.
O Picacho de Miguel Viejo é o outro equipo cun pé xa practicamente metido no podio. Chegou a esta penúltima xornada cuns parciais moi estables, sen grandes estridencias, e empatado a puntos co Alboroto. Este sábado non estivo tan brillante como en días anteriores e acabou noveno, cuarto e sexto en cada unha das mangas disputadas. A pesar de todo, segue segundo na clasificación con 19 puntos, a 8 do primeiro.
En terceira e cuarta posición aparecen, nun pano, o Solventis Ribadeo, liderado este sábado por Pepe Lis; e o Cansino, con Alejandra Suárez á cana. Teñen 25 e 26 puntos respectivamente, e entre eles, posiblemente, atópese outra das medallas da competición.
Entre as novas incorporacións á liguiña do Monte Real Club de Yates, este sábado destacou a presenza de Luis e Jorge Pérez Canal, dous míticos da vela en Galicia, que navegaron a bordo do Abril.
E a sorpresa do día protagonizouna Javier de la Gándara que, recuperado dunha lesión nun brazo, e coa súa tripulación habitual a bordo do Okofen, asinou tres primeiros postos nas tres probas disputadas. Un pleno que lles permitiu coarse de golpe no décimo posto da competición, aínda que sen opcións ao título.
Así as cousas, o Alboroto xogarase o billete á primeira posición nas últimas tres probas que quedan por celebrarse. Se a tripulación de Aguado mantén o bo facer de xornadas anteriores non será complicado verlles subirse ao máis alto do podio. Borrarían así o mal sabor de boca que lles deixou o quedarse ás portas da vitoria na edición anterior, na que acabaron segundos por detrás do Kotablue Fibra Coruña 14/18 de Miguel Fernández Vasco.
Con esta xornada finalizada, á Liga de Inverno Baitra J80 queda xa unicamente por diante a etapa final, que se disputará o próximo 6 de abril. Para ese día, o programa de competición prevé o inicio das probas ás tres da tarde, como vén sendo habitual; e a entrega de premios ás sete da tarde nos salóns do Monte Real Club de Yates.









