Sin categoría

Karkocha apadriña o parque forestal Os Matos-Río Táboas

O parque forestal Os Matos-Río Táboas do Concello de Nigrán ten desde o domingo un padriño de excepción: Karcocha, nome artístico do que é o arlequín máis famoso do mundo con máis de 2 millóns de seguidores en redes sociais.

O artista chileno Gerardo Castro, que ofreceu o domingo o seu inconfundible “street art” en Praia América ante milleiros de persoas, visitou xusto antes disto e de improviso o corazón do parque forestal Os Matos Río-Táboas para apadriñalo. Alí, na zona do Miradoiro das Señoras, na intersección entre as parroquias de Camos e Chandebrito, plantou unha araucaria (árbore típica chilena) e unha especie autóctona galega acompañado polo alcalde de Nigrán, o presidente da Comunidad de Montes de Chandebrito, concelleiros, e parte do voluntariado que pola mañá estivo traballando na repoboación desta zona e no cultivo de shiitake en tocón de eucalipto para evitar o seu rebrote. Karcocha puxo deste xeito o broche de ouro a unha xornada na que o Concello, xunto á Comunidade de Montes de Chandebrito e o voluntariado, rematou a reforestación de preto de 2 hectáreas no corazón do parque con 700 árbores autóctonas (sobreiras, abeleiras, bidueiros, carballos e castiñeiros) onde antes había eucaliptos.

“Non podemos ter un padriño mellor para o parque. Estamos moi agradecidos pola difusión que lle dará a este proxecto medioambiental que naceu da man do Concello e as comunidades de Montes de Chandebrito tras os incendios de 2017. Agardamos poder recibilo aquí mesmo en dez anos, cando estas árbores sexan xa uns exemplares de gran porte que conformen un bosque atlántico”, sinala o alcalde, Juan González.