Sin categoría

Alberto Meira asina unha brillante terceira praza na Coruña pelexando contra os WRC

Unha nova campaña do Campionato Galego comezaba na Coruña, onde Alberto Meira e Avelino Martínez non só se ían a enfrontar a unha feroz competencia polo triunfo no Supercampionato R5, senón tamén trataría de facer fronte aos superiores WRC, tres inscritos nesta ocasión, contra os que era moi difícil loitar salvo inclemencias meteorolóxicas ou incidencias.

Así, no primeiro bucle, moi delicado con humidades e moitas trampas, o de Vincios marcaba dous terceiros cronos e establecíase na segunda posición da xeral á vez que comandaba o Supercampionato R5, non sen sufrir algún susto que outro.

Tras unha penalización ao líder, Meira sería momentaneamente cabeza de carreira, pero a pesar dos seus intentos, non puido conter os ataques dos WRC, véndose excedido por dous deles conforme avanzaban os tramos. Aínda así, non se amedrentou e tratou de recortar distancias coa choiva presente nas especiais vespertinas, pero un lixeiro erro deu ao traste con calquera oportunidade de mellorar a terceira praza final coa que se tivo que contentar, impoñéndose sen maiores contratempos no Supercampionato.

O gondomarense facía balance á súa chegada ao parque pechado: “Conseguimos o principal obxectivo que era gañar no Supercampionato R5. Creo que hoxe corremos moitísimo, tentamos poñer nerviosa a toda a artillería que había de WRC, así que máis non se podía pedir. Pola tarde tivemos un duelo moi bonito con Iván Ares pero na última pasada por Cerceda quedamos un pouco atrancados nun cruzamento antes de meta, tiven que manobrar, e perdín uns 14 segundos. Así que despois xa nos dedicamos a gozar ata o parque pechado”.

AMF Motorsport inicia con bo pé a súa tempada 2024, que non sería posible sen a axuda de todos os patrocinadores e integrantes, que forman un equipo moi cohesionado. A próxima parada será en menos de tres semanas co regreso do Rali do Cocido ao certame rexional.