Sin categoría

A travesía a nado Costa Serena abre as inscricións da XIV edición

A travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán abrirá o vindeiro venres 22 de marzo as inscricións da XIV edición, que se celebrará o domingo 7 de xullo en Praia América. A organización espera reunir a máis 500 nadadores nacionais e estranxeiros, entre nenos e adultos, nos cinco percorridos que se disputarán.

As inscricións poderán realizarse ata o 3 de xullo a través da páxina web de Champion Chip Norte (www.championchipnorte.com). O regulamento da proba está dispoñible en http://www.travesiaanadocostaserena.es. Este ano, como novidade, todos os participantes empadroados no Concello de Nigrán terán un desconto de 3 euros na inscrición.

Colaboración coa Federación Alcer Galicia

Nesta edición, a organización da travesía colaborará coa Federación Alcer Galicia para recadar fondos para programas de atención a menores e atención psicolóxica e nutricional de persoas con enfermidade renal. Todos os participantes inscritos na travesía poderán colaborar cunha achega económica no momento da inscrición ou realizar unha transferencia directamente á Federación.

Percorridos

Durante a travesía disputaranse tres percorridos de 4.000, 2.700 e 800 metros, e o neopreno será optativo nas tres distancias. O percorrido longo consistirá nun triángulo de 4 quilómetros con saída desde a canle principal de saída e entrada das embarcacións de Praia América e chegada enfronte do posto de Protección Civil de Panxón. Neste percorrido, os nadadores deberán bordear a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,5 quilómetros de distancia, regresar cara á costa polo lado sur da praia e percorrer o último quilómetro en paralelo ao areal.

O percorrido de 2.700 metros terá o mesmo punto de saída que a proba de 4.000 metros. Consistirá en ir ata o faro de Cabezo de San Juan, bordealo e regresar ao punto de meta polo lado dereito.

Na proba de 800 metros, que se disputará en paralelo á costa, a saída estará situada tamén na canle principal de Praia América e a chegada será no mesmo punto que as probas de 4.000 e 2.700 metros.

A competición de 4.000 metros comezará ás 11:30 horas, a de 2.700 metros ás 11:50 horas, mentres que a de 800 metros arrancará ás 12:00 horas. No mar, colocaranse boias de sinalización do percorrido para facilitar a orientación dos nadadores, e haberá embarcacións de Protección Civil do Val Miñor e Vigo, Búsqueda y Salvamento de Galicia, Garda Civil do Mar, kaiaks do Club Marítimo de Panxón e motos acuáticas seguindo a proba.

Ademais, celebraranse dous percorridos de curta distancia de carácter non competitivo para nenos de entre 5 e 13 anos, preto da beira. Haberá unha distancia de 50 metros (5 e 8 anos) e outra de 150 metros (9 a 13 anos). Estas probas comezarán ás 13:00 horas (50 metros) e 13:20 horas (150 metros), respectivamente.

Premios

Nos tres percorridos entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina, e nas distancias de 4.000 e 2.700 metros tamén aos tres primeiros/as que naden sen neopreno. Na proba raíña tamén se repartirán medallas aos tres primeiros clasificados/as das 12 categorías por idades. Ademais entregaranse premios especiais ao primeiro nigranés e nigranesa, que deberán estar censados no Concello de Nigrán no momento da inscrición, ao máis novo e de máis idade de todas as probas. Os nenos que participarán nos percorridos de 50 e 150 metros recibirán unha medalla.

A zona de concentración dos nadadores será o domingo 7 de xullo nas instalacións deportivas de Dunas de Gaifar en Panxón, a partir das 09:00 horas, onde se entregarán as bolsas aos participantes. Tamén haberá repartición de dorsais o día anterior no mesmo punto en horario de 16:00 a 20:00 horas.

A travesía a nado Costa Serena, organizada polo Concello de Nigrán, o Club deportivo Tumetapersonal e Atlantic Extreme Sports, conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, Rodosa, Froiz, Centro Comercial A Ramallosa, Gadis, Avigal e Ángel Leirós Motos. Tamén colaboran Powerade, Sondeos Nigrán, El Playa Nigrán, Frutas Nieves, Arena, Club Marítimo de Panxón, Prado Surf, Valmiñor Ébano, Conservas Alfageme, McDonald’s Rías Baixas, Protección Civil do Val Miñor e Vigo, Asociación Vodea, Clubnatacion.com, Waira, Kailúa, Restaurante JR, Talaso Atlántico, pastelería Kami e Tupana.