O Okofen acariña a vitoria en Baiona

FOTO: ROSANA CALVO (MONTE REAL CLUB DE YATES)

O Okofen de Javier de la Gándara acariña a vitoria da Liga de Inverno Clase J80 tras sumar, este sábado en Baiona, dous novos triunfos nas regatas que celebran baixo a organización do Monte Real Club de Yates.

A tripulación liderada polo histórico regatista logrou manter a súa impecable traxectoria asinando dous primeiros postos e un segundo nas tres mangas disputadas na baía baionesa.

De la Gándara non logrou facer pleno nesta ocasión, pero mantense na cabeza da competición e logra afastarse aínda máis do seu rival máis directo, o Miudo by Storax, que a pesar de realizar unha moi boa navegación, perdeu postos con respecto ao Okofen.

A espera do que poida pasar na última xornada, na que case con toda seguridade entrará en xogo un novo descarte, non parece probable que os portugueses, con 27 puntos tras as probas desta tarde, poidan superar aos vigueses, que teñen 13.

Se non hai grandes cambios, sería para eles o segundo posto da Liga de Inverno Clase J80, e o que estaría máis rifado sería o terceiro clasificado. Con 53 e 56 puntos, o Ferralemes de Enrique Porto e o Virazón de Miguel Lago dispútanse, a día de hoxe, a entrada no podio de gañadores.

Liderado polo campión de España da clase Vaurien, Pablo Cabelo, o Ferralemes logrou hoxe o seu mellor resultado no que vai de competición. Na última proba deste sábado, e tras entrar moi atrasado nas dúas anteriores, asinou un primeiro posto que lle permitiu mellorar a súa posición en liga.

Pechan a clasificación provisional o Cansino de Fernándo Yáñez, o Mondo de Bernardo Macedo, o Pazo de Cea de María Campos, o Luna Nueva de Juan Luis Tuero, o Namasté de Luis de Mira, o Alumisel de Willy Caamaño, o Marías de Manuel María Cunha e o Náutico Cormorán de Francisco Javier Martínez.

A última etapa da competición disputarase o vindeiro sábado 25 de marzo, nunha xornada na que tamén se celebrará a entrega de premios aos vencedores.

CLASIFICACIÓN XERAL TRAS A QUINTA XORNADA

1. Okofen – Javier de la Gándara ( 13 puntos)
2. Miudo by Storax – Alfonso Leite (27 puntos)
3. Ferralemes – Pablo Cabello (53 puntos)
4. Virazón – Javier Rey (56 puntos)
5. Cansino – Fernándo Yáñez (67 puntos)
6. Mondo – Bernardo Macedo (73 puntos)
7. Pazo de Cea – María Campos (90 puntos)
8. Luna Nueva – Juan Luis Tuero (93 puntos)
9. Namasté – Luis de Mira (97 puntos)
10. Alumisel – Willy Caamaño (129 puntos)
11. Marías – Manuel María Cunha (141 puntos)
12. Náutico Cormorán – Francisco Javier Martínez (150 puntos)