A Plataforma Cidadá Somos Nigrán tivo acceso ao informe do Consello de Contas de Galicia, publicado o pasado 11 de marzo, no que poñen de manifesto as múltiples irregularidades cometidas nos procesos de contratación do Concello de Nigrán durante o período de 2019 a 2020.
O informe do organismo fiscalizador dá a coñecer as irregularidades cometidas en cinco expedientes de contratación da administración local, todos eles sen a fiscalización interna pertinente. Os expedientes inclúen 740 facturas por valor de 633.282,03€, que encadran: subvencións, dietas, gastos de locomoción; un gasto proposto polo alcalde para unha persoa; indemnizacións ao persoal municipal e externo; facturas e gastos non contabilizados nin pagos correspondentes a obrigacións líquidas, vencidas e esixibles para o Concello ao estar conformadas e que corresponden a improcedentes ou irregulares contratacións de obras, servizos ou subministracións.
Tamén existen contratacións de servizos e de subministracións no ano 2019 que foron facturados en 2019 (recibindo as facturas en 2020), ou que foron facturados en 2020. Nos expedientes detectáronse numerosas irregularidades en materia de contratación pública, como a contratación verbal ou o fraccionamento da contratación, o que determina a nulidade de pleno dereito por omisión dos requisitos ou trámites esenciais do procedemento.
Ademais nun dos expedientes, concretamente no expediente REC4/2020, o órgano de control destaca que non consta documentalmente acreditado cales son as obras concretas ás que estarían destinadas varias subministracións de formigón facturados, con indicacións xenéricas nos albarás e/ou nas facturas que impiden acreditar a que obra concreta estarían destinados, ou a que tramo de rúa afectaron; así mesmo, figuran en varias facturas emitidas nos últimos anos ao Concello de Nigrán por, entre outros, “Hormigones Valle Miñor, S.A.” e referidas a contratacións verbais legalmente improcedentes.
Desde Somos Nigrán solicitan ao Goberno Local responsabilidade e un maior rigor nas fases de preparación, planificación e tramitación dos expedientes de contratación, xa que poderíase estar a xogar na corda frouxa da legalidade e isto facilmente podería desencadear actos fraudulentos.

