Sin categoría

O poeta Mario Obrero visita o IES Auga da Laxe

O luns 18 de marzo o poeta madrileño Mario Obrero visitará o IES Auga da Laxe de Gondomar para manter un encontro co alumnado de Bacharelato, que estivo lendo e traballando a súa obra desde as clases de Lingua Galega e Lingua Castelá. A actividade, que se organiza ao abeiro do programa “Encuentros literarios” do Ministerio de Cultura, enmárcase dentro da programación da Semana Cultural que organiza o instituto entre o 18 e o 22 de marzo, coincidindo coa celebración do Día da Poesía o 21 de marzo.

Mario Obrero é un poeta madrileño que comezou a escribir con sete anos e, con dezasete, converteuse no autor máis novo en gañar o Premio Loewe de poesía. Na súa obra destacan títulos como Peachtree City (2021) ou Cerezas sobre la muerte (2022) e está a piques de publicarse Tiempos mágicos. Manifesta unha enorme sensibilidade pola diversidade lingüística do estado español, fala galego con fluidez e incorpora con normalidade nos seus libros versos en castelán, galego, catalán, éuscaro e asturiano. Compaxina a súa actividade literaria cos seus estudos universitarios e con colaboracións en medios de comunicación como RNE ou TVE, canle na que presentou o programa Un país para leerlo.

Aproveitando a súa visita a Gondomar, Mario Obrero participará o domingo 17 de marzo ás 17:30 horas na Casa da Lectura nun café poético coa poeta galega Olga Novo, gañadora do Premio Nacional de Poesía 2020 pola súa obra Feliz idade. Esta actividade, organizada por Espazo Lectura con motivo do Día da Poesía, tiña aforo limitado e precisaba de inscrición previa, pero están todas as prazas cubertas, polo que a inscrición xa está pechada.