24 comparsas participarán no desfile de Entroido de Baiona

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // Desfile de Comparsas en Baiona.

Un total de 24 comparsas -que suman máis de 1.500 integrantes- chegadas de Baiona, Nigrán, Gondomar, Vigo, Tomiño, Marín, Soutomaior, Salceda de Caselas, Redondela e Pontevedra desfilarán este domingo día 24 de febreiro polas principais rúas de Baiona. Sairán ás 17:00 horas desde a Avda. Urbana de Sabarís, para percorrer a Avda. Monterreal, Alférez Barreiro e Elduayen, finalizando no Paseo Ribeira, onde comezará o Enterro da Sardiña ás 19:30 horas. Tras percorrer as rúas do centro urbano, será queimada na Praia Ribeira, pero antes entregaranse os premios ás comparsas gañadoras no Palco da Música da Palma.

Repartiranse 6.500 euros en premios, desde os 900 euros para a comparsa gañadora ata os 650 euros para a segunda clasificada e 500 para a terceira. Entre as demais comparsas participantes, repartiranse o resto dos premios (4.450 euros) que se distribuirán de acordo co número de compoñentes: de 81 a 100 compoñentes (500 euros), de 61 a 80 (400), de 41 a 60 (300), de 21 a 40 (200) e de 12 a 20 compoñentes (100).

O xurado estará integrado por persoas do mundo da cultura, o deporte, a música, as letras, etc., designadas polo Concello, e valorará, entre outros aspectos, o vestiario, máscaras, maquillaxes, etc, axeitados á temática que representen, a orixinalidade, inxenio, caracterización, instrumentalización, etc., a actitude no desfile acorde co motivo na exhibición, a calidade e creatividade na exhibición e o número de compoñentes da comparsa.

VENRES 22 DE FEBREIRO – TARDIÑA DE TROULADA
20:30h. Pasarrúas polo Casco Vello – Fanfarria Taquikardia.
21:00h. Concerto no Xardín do Museo da Navegación – Fanfarria Taquikardia.
22:30h. Concerto no Xardín do Museo da Navegación – Festicultores Troupe.

SÁBADO 23 DE FEBREIRO – DÍA DE CHARANGADA
12:00-15:00h. Charangas polo Casco Vello – “Vai de Baile” e “A Cabeza Non Para”.
18:00-20:00h. Mostra Aulas Batucada Aperta. Praza do Pai Fernando, ás 18:00h. Praza de Pedro de Castro, ás 19:00h.
20:00-00:00h. Charangas polo Casco Vello – “Nova Cubana”, “Imperiais”, “Sempre de Cachondeo” e “Va K Pinta”.

DOMINGO 24 DE FEBREIRO – TARDE DE COMPARSEO
17:00h. Desfile de Comparsas. Saída desde a Avenida Urbana de Sabarís ata o Paseo Ribeira.
19:30h. Saída do Enterro da Sardiña desde o Paseo Ribeira, finalizando na Praia Ribeira, onde se queimará a sardiña.
Acto seguido, Entrega de Premios no Palco da Música do Parque da Palma.

MARTES 5/MÉRCORES 6 DE MARZO – DIVERENTROIDO
16:00-20:30h. No Pavillón de Deportes Municipal.
– Inchables.
– Obradoiros de maquillaxe e de creación de máscaras.
– Zona de xogos.
– Fotomatón (lévate a túa foto de recordo).
– Concurso de Disfraces Infantil (o martes, 5 de marzo ás 19:00h. Inscricións no propio día).