Lucenza-Ateneo de Nigrán, no marco das actividades do día da muller, organiza este venres 15 de marzo, ás 20:00 horas, na vella estación do tranvía da Ramallosa, unha charla-coloquio que leva por título “A loita das galegas no século XX” a cargo da periodista e escritora Montse Fajardo.
Farase un repaso polas loitas que as mulleres emprenderon no país durante o século XX, desde os tempos do agrarismo até a Transición así como do alto custe que tiveron para elas. Daranse a coñecer nomes e historias de sindicalistas, mestras, pioneiras feministas ou loitadoras antifascistas, mais sobre todo, coñeceremos os atrancos que a historia foi poñendo aos avances das mulleres e nomeadamente o retroceso que significou a ditadura franquista.
Montse Fajardo é licenciada en Ciencias Políticas e da Administración e conta cunha xa extensa traxectoria periodística e como escritora, moi centrada na memoria histórica e na investigación e divulgación do papel das mulleres na historia do noso país. Autora de libros como “Matriarcas”, “Un cesto de mazás” ou “Invisibles” entre outros, ten participado ademais en proxectos documentais, expositivos e de difusión diversos, obtendo diferentes recoñecementos polo seu labor.
O acto será presentado pola compañeira da directiva de Lucenza, Marisé Míguez.

