O pleno do Concello de Baiona vén de aprobar o V Plan de Igualdade e, como xa acontecera no anterior proceso de elaboración do IV Plan de Igualdade (2019-2023), foi o BNG, o único partido en presentar propostas de diversa índole. Nesta ocasión o BNG propuxo unha batería de melloras que foron rexeitadas, agás unha: recoñecer coma fortaleza o incremento gradual do orzamento destinado á Concellería de Igualdade.
“Como calquera acción política, o traballo pola igualdade require dun orzamento para poder desenvolverse. Así, durante o tempo que formamos parte do goberno municipal, o orzamento da Concellería de Igualdade foi en aumento ano tras ano até acadar o seu máximo histórico no ano 2023 cun orzamento de 36.000€ para a redacción e desenvolvemento do V PIOM. Queda esperar que o goberno baionés, tal como afirmou a concelleira de Igualdade no pasado pleno do 6 de marzo, cumpra a súa palabra e dote de orzamento neste ano 2024 e nos vindeiros cursos políticos ao desenvolvemento do plan”, sinalan os nacionalistas.
Outra das propostas presentadas trataba sobre a eliminación ou modificación da creación da Comisión de Igualdade, xa que tal como está planeada polo goberno do PP deixa fóra a unha parte da representación política da veciñanza de Baiona excluíndo a representación da oposición, xa que esta comisión estaría presidida polo Alcalde e conformada polo persoal técnico e político do goberno. A Comisión de Igualdade ten como fin facer seguimento e avaliación do desenvolvemento do V PIOM, e dende o BNG consideran imprescindible contar coa maior representación da veciñanza “e deixar fóra a parte da representación institucional non é o axeitado, democraticamente falando”.
“Por outra banda, o suposto feminismo do actual goberno do PP queda patente cando organiza a presentación da campaña 8M, a Igualdade é a razón para o propio día ás 12:30 horas, imposibilitando a moitas das persoas alí presentes participar na concentración de A Ramallosa que partía á mesma hora dende o porto de Baiona”, conclúen desde o BNG.

