O grupo municipal do PP de Nigrán vai presentar un recurso contra o novo prego de recollida de lixo e limpeza, que foi aprobado polo pleno esta semana co único voto favorable do goberno socialista, ante o Tribunal Administrativo de Contratos Públicos de Galicia.
A voceira municipal, María José Pino, indicou que as novas bases “empeoran ás anteriores”, que foron revogadas por cuestións vencelladas ao persoal, polo que o Partido Popular “vese abocado a seguir loitando contra esta proposta, porque empeora o servizo, vai contra os intereses xerais dos veciños, ten informes técnicos con reparos, elévase un custo inalcanzable propio do malgasto do goberno local e encamíñase a unha suba da taxa”.
A concelleira explicou que a contía do contrato, por riba dos 30 millóns nun período de dez anos, supón un incremento do 135% con respecto ás cifras actuais “que cremos que é desorbitado e que non responde nin á realidade do servizo nin ás necesidades dos veciños” e engadiu que, neste contexto, “todo apunta a que o imposto podería pasar dos 78 euros anuais a uns 300 para afrontar os novos custos”.
María José Pino revelou que o novo prego contempla “importantes eivas” no servizo, xa que empeora as prestacións en materia de reciclaxe, posto que non contempla outra recollida de fracción máis alá da orgánica e non corrixe os problemas cos residuos téxtiles, de aceite, perigosos e voluminosos, malia que, nestes dous últimos casos, é obrigatorio desde o próximo 31 de decembro.
“Non é de recibo que se reduzan as frecuencias de recollida, especialmente nos casos de restos voluminosos e perigosos, e da limpeza dos contedores, polo que van empeorar, a propósito, o servizo. Tampouco ten sentido que se reduzan os investimentos, que se eliminen equipamentos, como a varredora, que baixen os custos de explotación e de maquinaria e que non haxa melloras para o persoal, polo que non é o prego que precisan Nigrán e imos loitar por mudalo”, manifestou a concelleira popular.
Ademais, a voceira municipal do PP tamén reclamou a conveniencia de que o prego, dado o seu elevado montante económico e as súas complexas características, sexa sometido a unha fase de información pública, “xa que deste xeito os veciños, colectivos, empresarios, sindicatos e calquera persoa interesada podería facer achegas que enriquecerían un proxecto que, non nos esquezamos, vai definir o estado da limpeza do concello durante unha década”.

