Sin categoría

Baiona recibirá 176.000 € da Deputación para a instalación dun ascensor na Casa do Concello

A Deputación acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar preto de 2 millóns de euros para que 10 concellos da provincia impulsen novos investimentos e contraten a 49 persoas ao abeiro das liñas 1, de investimentos, e 3 de activación de emprego, do Plan +Provincia. Benefícianse destes recursos A Cañiza, A Guarda, A Lama, Arbo, Baiona, Cerdedo-Cotobade, Dozón, Lalín, Marín e Nigrán.

No marco da liña 1, de investimentos, a Xunta de Goberno aprobou 1,41 millóns de euros para sete concellos: A Guarda, A Lama, Arbo, Baiona, Cerdedo-Cotobade, Lalín e Marín. Baiona recibirá 176.304 € para o proxecto de instalación de ascensor na Casa do Concello.

“Seguimos activando recursos e tendendo pontes cos concellos”, asegurou o presidente da Deputación, Luis López, que lembrou que xa se aprobaron preto de 9,5 millóns de euros deste plan para os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia.