Nigrán dá luz verde definitiva aos pregos de licitación da recollida do lixo

O goberno de Nigrán deu luz verde definitiva no Pleno ordinario de onte pola mañá aos pregos que rexerán a vindeira contratación do servizo de recollida de residuos, limpeza viaria e praias do municipio. A cuestión, que contou co voto en contra do PP e abstención do BNG, fora aprobada do mesmo xeito no pleno ordinario do 31 de novembro de 2023, sen embargo, o Concello tivo que paralizar o proceso ao detectarse un erro no cómputo das horas dos traballadores. comunicada a posteriori pola CIG (desistencia ratificada oficialmente no Pleno do 26 de decembro de 2023). As novas bases foron polo tanto aprobadas coa corrección incorporada de 1.547 horas anuais de traballo e non 1.757 horas e, polo tanto, un mínimo de 29,65 operarios e non 28,62 como figuraba inicialmente.

“Tras aprobar en novembro as bases nos comunican desde o comité de empresa que o convenio regulador fora modificado no campo das horas de traballo, polo que automaticamente os pregos quedaban obsoletos. Foi unha mágoa que non nos informasen desta novidade antes de levala a pleno porque retrasou ata agora todo o procedemento”, explica o alcalde, Juan González, quen explica que agora os pregos serán publicados no Diario Oficial da Unión Europea para abrirse despois dous meses de exposición pública. “A finais de verán debería estar resolto o concurso e, se non hai contratempos nin alegacións das empresas, a finais de ano debería estar funcionando coa nova concesión”, considera.

Tras case 3 anos prorrogado o contrato a Cespa-Precero, o novo pasará dunha concesión de 16 anos por 26 millóns de euros a unha adxudicación de servizo con valor máximo de 30,2 millóns de euros e 10 anos de duración sen dereito a prórroga, sendo o contrato con maior dotación económica na Historia do Concello de Nigrán. “Son pregos elaborados exclusivamente por técnicos e con criterios, polo tanto, técnicos, co único obxectivo de prestar o mellor dos servizos á cidadanía”, explica o alcalde. Entre as novidades fronte o actual inclúe brigadas exclusivas de limpeza viaria, selección de orgánica ou o sistema electrónico de recollida intelixente.